Pedro Ferreira negocia co Pontevedra para ser o substituto de Milo como coordinador da base
Por Ramiro Espiño
Apenas 48 horas despois de coñecerse a decisión do Pontevedra de rescindir de forma unilateral e anticipada o contrato de Milo Abelleira, cesándoo como coordinador da base, o seu substituto pode chegar en moi breve prazo de tempo, quizais a propia semana. Será un home vinculado xa ao club granate en diferentes etapas e cargos como Pedro Ferreira o que ocupe o devandito posto, se non se torcen de forma inesperada as negociacións, que se veñen mantendo entre club e técnico.
Esas negociacións están tan avanzadas que, segundo puido saber PontevedraViva, Pedro Ferreira mesmo realizou xa unha primeira visita ás instalacións que utilizan habitualmente en Pasarón os adestradores e axudantes dos equipos base, ademais de pasar polas oficinas que aínda non coñecía persoalmente.
O técnico, que non finalizara de forma precisamente amigable a súa anterior etapa no Pontevedra, ata o punto de protagonizar un agre enfrontamento verbal nas antigas oficinas de Benito Corbal co entón presidente, Mauricio Rodríguez, non volvera pisar as instalacións interiores de Pasarón, nin as novas oficinas do club.
Pedro Ferreira confirmou a existencia das conversacións, indicando: "Sí, es cierto que estamos hablando y que las posturas están muy cercanas. No puedo decir cuándo se cerrarán y empezaré a ejercer como coordinador. También es verdad que estuve viendo las instalaciones, para hacerme una idea de los medios y necesidades para realizar el trabajo que se me encargue. De todos modos, hasta que no esté firmado no podemos dar nada por hecho. No sé si será la próxima semana o más adelante".