Alberto Argibay interésase no Real Avilés
Por Redacción
Alberto Argibay interesouse nas últimas horas pola situación do Real Avilés, equipo asturiano que acaba de descender a Terceira División.
O conselleiro do Pontevedra Club de Fútbol tentea a posibilidade de facerse cargo do club a través dunha das súas empresas, segundo publica este martes Nacho Gutiérrez no xornal asturiano El Comercio.
Argibay, que confirmou a PontevedraViva que se encontra en Asturias sen querer pronunciarse sobre "la actividad de mis empresas", teríase reunido co máximo accionista do Avilés, José María Tejero.
O interese pasaría por lograr un acordo como o pechado hai catro anos con outra empresa, Golpus, para xestionar a entidade asturiana ou o novembro pasado con Amber Care.
De todos os xeitos, El Comercio explica que a de Argibay non sería a única opción, pois o mandatario do club avilesino mantivo contactos con dous grupos empresariais de Madrid.
O Real Avilés arrastra graves problemas económicos tras a súa perda de categoría, que poden carrexar un descenso administrativo á Rexional Preferente se non soluciona as denuncias presentadas polos futbolistas polos non pagamentos correspondentes ao período comprendido entre outubro de 2014 e febreiro de 2015. Ademais conta con embargos do concello por valor de 400.000 euros e tamén da Seguridade Social por unha cantidade menor.
ACCIÓN GRANATE CESA A JOSÉ ANTONIO MILLÁN COMO PRESIDENTE
Alberto Argibay foi tamén actualidade pola decisión do colectivo Acción Granate, que engloba socios e afeccionados do Pontevedra do que segue sendo voceiro, de cesar a José Antonio Millán como presidente.
A decisión tomouse por unanimidade nunha asemblea, explican nun comunicado, polo que Millán, membro do Consello de Administración, "queda totalmente desvinculado da dirección e xestión deste colectivo, e polo tanto, todas as súas manifestacións ou opinións serán vertidas a título individual e nunca en representación deste colectivo de socios, recalcan.
Acción Granate finaliza o comunicado agradecendo a Millán o seu traballo durante "gran parte da súa traxectoria como presidente e voceiro"