Un partido ante o Atlético de Madrid, despedida da tempada para o xuvenil da Seca
Por Redacción
Dende hai anos a Agrupación Cultural Deportiva A Seca mantén un convenio de colaboración co Atlético de Madrid, e ese acordo vaise traducir nesta ocasión nun premio de final de tempada para o seu equipo xuvenil A, que milita na Liga Galega.
O club pontevedrés encara unha fin de semana na capital de España no que os seus futbolistas poderán coñecer as instalacións do club colchoeiro.
Como guinda este sábado 13 de xuño o xuvenil da Seca xogará un encontro amigable ante o Atlético de Madrid, fixado para as 10:00 horas no Polideportivo de Orcasitas, no que os responsables do club madrileño poderá observar a evolución dos novos xogadores pontevedreses.
Un paseo polo Calderón e unha visita ao museo 'rojiblanco' completan as actividades deportivas, pero non serán as únicas para o equipo da Seca, pois está previsto acudir ao Parque Warner e visitar algúns dos lugares máis emblemáticos de Madrid.
Toda unha recompensa ao traballo realizado durante a tempada que custean grazas á colaboración dun dos seus patrocinadores, Gasóleos Xeve.