Jacobo: "En tres partidos nos jugamos casi toda la temporada"
Por Diego Espiño
Reengancharse á loita por entrar na fase de ascenso ou afrontar unha longa travesía pola zona media da táboa durante toda a segunda volta. Cara ou cruz para o Pontevedra nun mes de xaneiro no que será vital para os homes dirixidos por Milo Abelleira asegurar os puntos como local.
Dos próximos cinco partidos de liga para os granates, catro deles serán en Pasarón e tres de xeito consecutivo, empezando polo Deportivo B o vindeiro domingo, seguido por Rápido de Bouzas e o encontro aprazado ante o Villalonga. En xaneiro os granates só realizarán un desprazamento a Cangas para medirse ao Alondras.
Unha ocasión de ouro da que é consciente o vestuario granate, como recoñece Jacobo, "creo que nos jugamos casi toda la temporada, tenemos tres partidos en casa y perder alguno de ellos sería bastante malo para la clasificación porque son rivales directos".
Non será sinxelo para un Pontevedra con urxencias a visita do cuarto clasificado, o Deportivo B, aínda que os lerezanos están a mostrar a súa mellor cara ante equipos da zona alta, a excepción do choque de Ferrol, "son equipos que se nos dan bien a priori, pero el Deportivo viene en una racha bastante buena y va a ser un rival complicado".
Campaña solidaria de Nadal
A iniciativa solidaria que o Pontevedra pretendía poñer en marcha no partido aprazado ante o Villalonga realizarase o vindeiro domingo, habilitando nas portas de acceso de Pasarón lugares para depositar alimentos non perecedeiros, roupa ou xoguetes que se entregarán a Redeaxuda para o seu reparto entre as familias necesitadas da comarca.