A Liga ACT de Traíñas regresa a Sanxenxo coa terceira edición da Bandeira Nauta
Por Redacción
A máxima categoría nacional de traíñas, a Liga San Miguel ACT, regresa a Sanxenxo esta fin de semana coa III Bandeira Nauta Sanxenxo.
A proba, segunda do calendario e primeira en Galicia, disputarase o vindeiro sábado 4 de xullo a partir das 18:00 horas nun campo de regatas de tres millas situado fronte á praia de Silgar.
Alí competirán os 12 equipos da asociación, entre eles tres galegos: Cabo de Cruz, Samertolameu e Tirán.
Nesta segunda xornada da Liga ACT, a composición de tandas vén definida pola clasificación xeral, remando na primeira Samertolameu Rodman Group, Zierbena Bahías de Pasaia, Portugalete Eulen e San Pedro Ecolmare. Na segunda tanda estarán presentes Astillero, Tirán Pereira, Cabo e San Juan Iberdrola e para rematar, na de honra, participarán Kaiku Producha, Orio Babyauto, Urdaibai Avia e o actual líder, NT2 Hondarribia.
Trala Bandeira Nauta Sanxenxo, o domingo disputarase a XXXIII Bandeira Concello de Moaña.