Tomás, Bruno e Adrián seguen no Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Lentamente vai tomando corpo a composición do equipo do Pontevedra. As reunións e xestións sucédense nas oficinas de Pasarón e o seu resultado poderá empezar a verse en maior medida ao longo da próxima semana. Polo momento as noticias oficiais son escasas, xa que unicamente se comunicou a renovación de Anxo e as baixas de Benja e Lobato. Os demais chega de forma extraoficial, como a intención de prescindir de Álvaro Muñiz, Miguel Centrón e Jorge Rodríguez.
Agora, pendente tamén desa confirmación oficial, PontevedraViva puido saber que o club granate ten practicamente pechada a continuidade de dous homes da canteira como Tomás e Bruno, ademais do capitán Adrián Gómez.
Os tres xogadores saben do interese do club e de Luisito en seguir contando cos seus servizos, e as conversacións con Roberto Feáns están a punto de cristalizar na súa renovación, o que sen dúbida será ben recibido pola afección, ao tratarse de dous xogadores de casa e outro plenamente integrado no club e no ámbito.
FRAN FANDIÑO E JACOBO
Outro dos xogadores canteranos, Fran Fandiño, ten contrato en vigor, pero a súa continuidade estaría pendente dunha conversación co técnico. Fran ten ofertas de varios equipos de Terceira, pero do que fale con Luisito pode depender que cumpra o ano de contrato que lle resta ou que decida cambiar de aires.
En canto a Jacobo, o técnico quere contar con el. A súa boa actuación na recta final de liga e moi especialmente no play-off convértenlle nun dos homes que Luisito quere manter en equipo, e todo apunta a que así será.
KEVIN PRESA E CAPI
Outro canteirán como Kevin Presa, aínda cun ano máis de contrato, será dos fixos e mesmo o club tratará de renegociar as súas condicións, tendo en conta que foi un dos xogadores que máis partidos disputou na tempada.
Tamén ten contrato en vigor Capi. Luisito conta co veterano central, por consideralo un exemplo en canto ao seu comportamento persoal e profesional, pero problemas familiares poderían levalo a abandonar, o que situaría o Pontevedra na necesidade de buscar outro defensa para a zona central.
Moitas incógnitas aínda por resolver e moito traballo por diante, cando restan pouco máis de dez días para o comezo dos adestramentos de pretempada.
Relacionadas:
-
Primeiros reforzos para o novo proxecto do Pontevedra en Segunda B
Por Diego Espiño |
-
O Guijuelo, primeiro escollo do Pontevedra no seu regreso á Copa do Rei
Por Redacción |
-
Fran Fandiño deixa o Pontevedra e marcha cedido ao Arosa
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra busca saída para Jorge Rodríguez que non entra nos plans de Luisito
Por Ramiro Espiño |
-
Real Valladolid, Marcón Atlético, UD Ourense e Portonovo, rivais de pretempada do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Acordo con Luisito para prorrogar o seu contrato por unha tempada
Por Redacción |