Martín Lestido, principal baza para o Super Froiz no ecuador da Volta a Zamora
Por Redacción
Tras unha primeira etapa algo tímidos, os ciclistas do Super Froiz comezaron a ensinar os dentes na Volta a Zamora, que se está a desenvolver dende hai dous días polas estradas da provincia castelán-leonesa. Martín Lestido, undécimo na clasificación xeral a 25 segundos do líder, no corredor do conxunto pontevedrés mellor situado para loitar pola vitoria.
A primeira etapa, unha contra o reloxo individual de apenas cinco quilómetros, non supuxo un bo comezo para o Super Froiz. Os seus corredores quedaron lonxe dos primeiros postos e foi Lestido -décimo sexto a 25 segundos de Aitor González (Ampe), gañador da etapa- o que mellor aguantou a cita contra o crono.
Miguel Gómez, que viña de gañar a Volta a Ávila, deixouse 45 segundos e algo menos José Luis Mariño, Sergio Míguez, Rubén García e Pedro Merino. Todos eles entraron en meta entre os cincuenta primeiros da xornada.
Pero os 129 quilómetros da segunda etapa, entre Roales e Benavente, foron outra historia. A pesar da calor sufocante e o percorrido duro que provocou numerosos cortes no pelotón, o equipo pontevedrés logrou situar na escapada boa dous corredores, Miguel Gómez e Rubén García, que xunto a outros oito ciclistas máis, se disputaron a etapa.
O gañador foi Daniel Sánchez (Rodriguez Extremadura), novo líder da carreira, que avantaxou finalmente en trece segundos a outros catro corredores, entre eles Miguel Gómez, que entrou en cuarta posición. Rubén García foi oitavo a 17 segundos do gañador.
Na clasificación por equipos, o Super Froiz é sexto a 35 segundos do primeiro clasificado, o Infisport Alavanet.
Para este venres está prevista a etapa raíña desta proba que, tradicionalmente, resulta decisiva para a clasificación xeral. Será a que unha as localidades de Hermisende e Lubián despois de 108 quilómetros e contará con numerosos portos de montaña.
Relacionadas:
-
Triunfo por equipos do Super Froiz na Volta a Zamora con Miguel Gómez segundo na xeral
Por Redacción |
-
Miguel Gómez imponse na terceira etapa da Volta a Zamora pero queda a cinco segundos do liderado
Por Redacción |
-
Triunfo do Super Froiz na Volta a Ávila con Miguel Gómez como gañador; Martín Lestido, terceiro
Por Redacción |