Unha ducia de equipos participarán na I edición do torneo de fútbol sala de Ponte Caldelas
Por Redacción
O pavillón de deportes de Ponte Caldelas acollerá a vindeira fin de semana a primeira edición do torneo de fútbol sala, unha competición na que participarán unha ducia de equipos.
Os equipos que formarán parte do elenco que competirá polos distintos premios proceden de Fornelos, A Lama, Monte Porreiro, Pontevedra e Ponte Caldelas.
O gañador, ademais do trofeo acreditativo da xesta, recibirá 500 euros de premio; o segundo clasificado terá trofeo e 200 euros e o terceiro, 100 euros e trofeo.
A organización prevé tamén a entrega de premios para o mellor xogador, o porteiro menos goleado e o goleador do torneo que se disputará nas instalacións renovadas do pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas.
O alcalde, Andrés Díaz, agradeceu ós organizadores que elixiran o Concello de Ponte Caldelas para realizar este primeiro trofeo e animou a todos os colectivos sociais e deportivos a realizar actividades que teñan como punto de referencia o pavillón de deportes “como un xeito de abrilo á cidadanía e favorecer a práctica saudable do deporte para todas as idades”.