Un gol de Sylla dá os tres primeiros puntos ao Arosa (1-0) ante un bo Cerceda
Por Redacción
O Arosa sumou os seus tres primeiros puntos ante un gran Cerceda, que puxo en serios apuros aos de Piscis nos últimos 20 minutos de encontro. Ata ese momento, ambos os dous equipos alternaran o dominio do encontro aínda que foron os arlequinados quen, nuns bos minutos mediada a primeira metade, lograron facerse co control e marcar por medio de Sylla.
A primeira metade non tivo moito que contar nos primeiros 20 minutos. Moita posesión por parte de ambos os dous equipos que non querían conceder nada ao rival. As primeiras chegadas foron para os visitantes, pero sen perigo. A primeira clara tívoa o Arosa nos pés de Hugo Soto, que quedou só ante Javi pero non foi capaz de definir no un para un.
Aos 26 minutos chegaba o único gol do partido nunha carreira de Sylla pola banda dereita que remata ao pisar a área grande cun disparo cruzado para bater a Javi.
A reacción do Cerceda foi rápida e Alfonso tivo que rexeitar un balón na mesma liña de gol. No último cuarto de hora os de Piscis foron mellores e acumularon varias ocasións claras, a primeira na botas de Camiño, cuxo disparo se foi rozando o poste, e logo un remate de cabeza de Sylla, a centro de Eloy, que rexeita a defensa baixo paus. Xusto antes do descanso Jorge Pérez fixo unha grande estirada para evitar, en dous tempos, o empate de Álex Ares.
Na segunda parte o Cerceda comezaba pronto avisando cun remate ao longueiro. Piscis introduciu cambios, ao igual que o seu homólogo do Cerceda. Os visitantes apoderáronse do partido ante un Arosa que perdeu ese control do xogo do que gozou no primeiro tempo. As ocasións sucedíanse na área arlequinada, pero sen moito perigo. Ao final tras un pouco de sufrimento e 6 minutos de desconto o colexiado pitou o final do partido, logrando así o Arosa os seus tres primeiros puntos.
Relacionadas:
-
Vitoria e liderado para o Arosa (0-2) no Barco
Por Redacción |
-
Sylla rescata un punto para o Arosa (1-1) ante o Bergantiños
Por Redacción |
-
O Arosa remonta por dúas veces para rabuñar un valioso punto ao Deportivo B (2-2) en Abegondo
Por Redacción |
-
O Arosa pecha a pretempada cunha derrota en Caldas (1-0)
Por Redacción |
-
Vitoria do Villalonga (2-4) sobre o Arosa en Corón
Por Redacción |
-
Cabanyes convence a Piscis e asina por unha tempada co Arosa
Por Redacción |
-
Golpe de moral para o Arosa no triangular de Ribeira
Por Redacción |