Expectación en Vilagarcía polo triangular de baloncesto que reunirá a Obradoiro, Gran Canaria e Estudiantes
Por Redacción
Vilagarcía espera con ansias a primeira edición do Torneo EncestaRías, que traerá á localidade pontevedresa o mellor baloncesto nacional con tres equipos da Liga ACB.
Obradoiro, Gran Canaria e Estudiantes daranse cita no pavillón de Fontecarmoa os días 11, 12 e 13 de setembro nunha competición de pretempada que levantou grande expectación.
O torneo foi presentado este martes de xeito oficial, acto no que se sinalou o prezo dos abonos dispoñibles, un total de 1.000 para bancada e 80 a pé de pista. O prezo será de 30 e 55 euros respectivamente.
Abrirán a competición o venres 11 de setembro ás 21:00 horas Gran Canaria e Estudiantes, o sábado (20:00 horas) será quenda de Obradoiro e Estudiantes e pecharán a competición o domingo (19:00 horas) Obradoiro e Gran Canaria.
A cita está organizada pola Asociación Deportiva e Cultural EncestaRías coa colaboración do Concello de Vilagarcía e a Secretaría Xeral para o Deporte.