O pontevedrés Manuel Ojea, campión do Mundo de dúatlon de longa distancia
Por Redacción
Todo un exemplo de superación. Fora campión do Mundo de dúatlon en Pontevedra, na modalidade estándar dentro dos grupos de idade, pero non contento con iso lanzouse a por novos retos.
O pontevedrés Manuel González Ojea proclamouse a pasada fin de semana campión do Mundo de dúatlon de longa distancia na localidade suíza de Zofingen.
Olla impúxose con autoridade na categoría de 55-59 anos, sendo 40 da xeral cun tempo de 7 horas, 33 minutos e 42 segundos.
É o tempo que o deportista do Tríatlon Rías Baixas tardou en completar os 10 quilómetros a pé do primeiro sector, os 150 quilómetros en bicicleta e 30 quilómetros finais de carreira a pé, permanecendo na cabeza dende os primeiros compases da competición.
Zofingen foi por noveno ano sede do Mundial de dúatlon de longa distancia co apoio da International Powerman Association nun circuíto esixente, como demostran as duras ramplas do sector ciclista, que nalgúns puntos chegaban ao 16% de pendente.
A de Ojea foi unha das tres medallas españolas da fin de semana, xunto ás de Vicente Agusti Valls e Javier García, prata e bronce no grupo de idade 20-24.