Un penalti inexistente abre o camiño do triunfo ao Pontevedra (2-0) sobre o Rápido de Bouzas nun frouxo partido
Por Ramiro Espiño
O Pontevedra C.F. puxo fin ao seu refacho negativo. Non gañaba dende o partido que o pasado 2 de decembro o enfrontaba ao Dorneda. E fíxoo a custa dun Rápido de Bouzas que chegaba a Pasarón por enriba dos granates na clasificación. Nun mal partido de ambos os dous equipos, os granates impuxéronse por 2-0, con goles de Santi Domínguez (minuto 26), ao tranformar un inexistente penalti sinalado polo colexiado, e Richi (minuto 65).
Precisamente o gol de Santi Domínguez, que encarrilou o partido para os homes de Milo Abelleira, foi a xogada polémica do partido. Un penalti máis que dubidoso que desatou as iras do Rápido de Bouzas. Tanto que o árbitro expulsou o seu adestrador, Juan Carlos Andrés, con vermello directo polas súas protestas.
O partido non pasará á historia polo seu bo xogo. Aínda que hai que recoñecer que ambos os dous equipos puxeron ganas, o certo é que os erros e as imprecisións primaron sobre os acertos. O Pontevedra, máis necesitado dos puntos, tomou as rendas, pero sen inquietar, mentres o Bouzas poñía de manifesto as súas dificultades para facer gol, sen apenas chegadas á área rival.
Pero no medio do tedio xeral, mediada a primeira parte xorde a figura do árbitro para dar un brusco cambio ao partido ao sinalar como penalti o que non pasou máis que dun lixeiro rozamento de Marcos nas costas de Richi. Nin o propio xogador granate o cría cando ao darse a volta viu como o colexiado sinalaba o punto fatídico.
Santi Domínguez, desafortunado durante case toda a tarde, tivo o sangue frío e o atrevemento de lanzalo " ao Panenka", deixando a Roberto co molde e as ganas de detelo.
De aí ata o descanso nada digno de mención, salvo unha xogada no desconto que puido supoñer o empate do Bouzas, cando un rexeitamento de Yago Vázquez dá nas costas do vigués Jacobo, obrigando a Lloves á súa primeira e única intervención complicada de todo o partido para mandar a pelota a corner.
Non sería ata ben entrada a segunda parte, e cun Rápido de Bouzas máis activo en ataque, e dono do balón, cando o Pontevedra consegue sentenciar o partido. Facíao cun gol de Richi, tras roubo de Cristóbal Juncal e maxistral pase de Jacobo. Era o 2-0 no momento en que mellor estaba a xogar o Bouzas, que chegaba doado á frontal, pero alí se perdía nas súas accións ofensivas.
Malia o 2-0 ao público de Pasarón pouco lle durou a tranquilidade. Os granates quedaban con 10 tres minutos despois, tras a segunda amarela a Adrián Gómez. Por sorte para eles, o Rápido de Bouzas mostrouse moi inxenuo nos metros finais e non chegou a inquietar nunca nin a poñer en perigo unha vitoria local que chega despois dun partido discreto, tirando a malo, en canto a calidade, pero estimable en actitude por parte dos xogadores.
Con esta vitoria, o Pontevedra sitúase na oitava praza da clasificación. Ten 30 puntos e está a catro do Deportivo B, o equipo que ocupa o último posto que dá dereito a xogar a fase de ascenso a Segunda B. Terá unha nova oportunidade de seguir recortando distancias este mesmo mércores. Xogarase entón o partido aprazado contra o Villalonga.
PONTEVEDRA, C.F.: Lloves (2); Adrián (2), Yago Vázquez (2), Pablo (3), Nano (2); Cristóbal Juncal (2), Iago Paz (1), Moisés (2), Jacobo (2); Richi (2) e Santi Domínguez (1).
Substitucións: Sestelo (1) por Richi, minuto 73. Stefan (s.c.) por Santi Domínguez, minuto 84. Javi Pazos (s.c.) por Jacobo, minuto 86.
RÁPIDO DE BOUZAS: Roberto (1); Marcos (2), Agujetas (1), Kiko (1), Portas (2); Rubén (2); Xesús (1), Diz (1), Jacobo (2), Yavhé (1); e Jorge Fernández (1).
Substitucións: Pardavila (1) por Xesús, minuto 51. Carneiro (1) por Jorge Fernández, minuto 61. Xosé (s.c.) por Kiko, minuto 79.
Goles: (1-0) Minuto 26: Santi Domínguez, lanzando ao "Panenka" un penalti inexistente sinalado por suposto empuxón de Marcos a Richi. (2-0) Minuto 62: Roubo de balón de Cristóbal Juncal, cédeo a Jacobo que dá un gran pase interior para deixar só a Richi, quen non perdoa colocando o balón xunto á cepa do poste.
Árbitro: López Parga (Lugo), auxiliado nas bandas por Sánchez Pérez e Gómez Lemos. Expulsou por dobre amoestación a Adrián Gómez (minuto 65). Amoestou a Marcos, Kiko, Portas, Rubén, Jacobo (Bouzas) e Carneiro. Ademais expulsou o adestrador visitante, Juan Carlos Andrés, por facerlle observacións tras transformar o Pontevedra o penalti sinalado.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Unhas 1.300 persoas nas bancadas en tarde xélida.
VESTIARIOS:
JUAN CARLOS ANDRÿS: Mordeuse a lingua o técnico visitante cando se lle pediu a súa opinión sobre o penalti sinalado en contra do seu equipo: "Hai que ter coidado co que se di despois de algo como ésto. O partido era espeso por parte dos dous equipos e só unha xogada como esa podía cambialo. Nós non estivemos ben e é verdade que apenas creamos perigo nin ocasións, pero está claro que o penalti condicionou o partido. Estou convencido de que se estamos 0-0 no minuto 60 Pasarón se tería posto nervioso e non sei que tería pasado, pero iso entra xa dentro do terreo da especulación".
Con respecto a se lle dixera algo ao árbitro para que determinase a súa expulsión, o adestrador vigués comentou: "Creo que había un compañeiro voso da Cadea SER preto e oíuno todo. Só lle dixen que non se pode vir a campos como este a facer algo así. ÿ incomprensible que por isto me expulse e que me vaian caer dous partidos de suspensión".
MILO ABELLEIRA: Satisfeito co resultado, pero non tanto co xogo, o adestrador local xulgaba así o partido: "O fútbol ten estas cousas. Hai unha semana xogamos para gañar e non puidemos e hoxe sen chegar a ese bo nivel conseguímolo. Fixemos 20 minutos iniciais bastante bos, pero logo regalamos algúns balóns e complicámonos. Aínda así non concedemos apenas oportunidades de perigo. ÿ verdade que na segunda parte o Bouzas se fixo dono do balón, pero nunha boa contra sentenciamos. Ao quedar cun menos tivemos que traballar e sufrir, pero non lles demos opcións de crearnos perigo real de gol".
Con respecto á xogada crave do partido, Milo dixo: "Dende onde estou eu non podo dicir moito, pero o árbitro tivo que velo moi claro para pitalo, xa que pola contra non se pode sinalar. Creo que foi un pequeno empuxón. En calquera caso hai unha semana houbo un moi claro e non nolo sinalaron".