Adrián Moreira, un pontevedrés nas Series Mundiais de raids de aventura
Por Redacción
Preto de 390 quilómetros en 90 horas e case sen parar. É a esixente proba que ten por diante, desde este mércores, o vigués Adrián Moreira. Estudante da Escola de Forestais e membro do club Montañeiros de Pontevedra, está a participar como parte do equipo arxentino Secretos del Ullum no Raid in France, unha das carreiras incluídas nas series mundiais desta disciplina deportiva que require, sobre todo, de resistencia e orientación.
O seu gusto pola montaña, pola aventura e a supervivencia foi o que levou a Adrián Moreira a atopar nos raids de aventura, unha competición multidisciplinar que combina a carreira, a bicicleta de montaña, o piragüismo e o barranquismo, moito máis que unha afección. Nela, os participantes deben superar longos percorridos que, como marca o regulamento, non coñecen de antemán e facelo "sen apenas durmir en días".
Neste deporte, o pontevedrés iniciouse con apenas 18 anos, participando na súa primeira proba de liga galega. En 2013, como parte do equipo Montañeiros de Pontevedra, "o club co que corro desde que comecei neste mundo" logrou proclamarse campión de España e subcampión ibérico da categoría de iniciación 'aventura', e por aquel entón, xa disputara varias probas autonómicas e estatais na máxima categoría.
Pero recoñece que, de cara ás series mundiais, o obxectivo é sempre o mesmo, chegar a meta. "Só iso xa é un logro", afirma. E para iso trasladouse á localidade francesa de Hauteville-Lompnes para formar parte dun equipo arxentino "que estaba buscando un corredor orientador, xa que se lle lesionara un integrante do equipo, e cando me preguntaron se quería participar, non o pensei dúas veces", segundo relata ao Diario da Universidade de Vigo.
Esa paixón por unha modalidade deportiva foi tamén a que converteu a Moreira en alumno do campus pontevedrés. Nese senso, este vigués admite que foi a súa afección polos raids a que o levou a matricularse no grao en Enxeñaría Forestal. "Adestro sempre no monte, paso moitas horas na montaña, máis que na cidade, polo que pensei en facer unha titulación coa que poida colaborar ao mantemento disto que tanto me gusta", apunta este estudante.
De feito, mesmo apunta que a práctica deste deporte estalle a resultar de axuda na súa formación, porque os raids "axúdanme en diferentes cuestións relacionadas coa carreira como, por exemplo, en topografía, xa que ao estar acostumado a manexar mapas para orientarnos nas carreiras, resultoume máis fácil", engade este estudante que ve como hoxe en día estudos e deporte permítenlle "estar en todo momento en contacto coa natureza".