Pontevedra e Villalonga pendentes da Xuíza única de competición
Por Ramiro Espiño
Pontevedra e Villalonga recuperarán o mércores o polémico partido aprazado no pasado mes de decembro a causa da choiva, e farano con ausencias en ambos os dous equipos. Os dous conxuntos están pendentes do que o martes, día anterior ao choque, poida decidir a Xuíza única de competición, que seguramente sancionará ao defensa granate Adrián Gómez e ao porteiro celeste Roberto Pazos, o primeiro expulsado por dobre amoestación no partido fronte ao Rápido de Bouzas e o segundo expulsado con vermella directa na xogada do penalti que lle deu a vitoria no desconto ao Bergantiños.
Esas ausencias non serán as únicas, polo menos nos locais, xa que Moisés Pereiro tampouco estará en condicións de actuar. O centrocampista foi obxecto dunha dura entrada nos últimos minutos do partido do domingo e tras o adestramento de recuperación ordenado por Milo Abelleira na tarde do luns, no mesmo escenario do partido, o seu concurso quedou descartado por completo.
Non obstante o técnico granate é probable que poida contar con Caco e Tubo, ausentes fronte ao Bouzas, xa que ambos os dous adestraron case con normalidade, o mesmo que Jacobo, que recibiu tamén un forte golpe o domingo, se ben Milo prefire ser prudente e esperar ao adestramento do martes ou mesmo ao mesmo mércores, instantes antes do partido, para decidir a súa inclusión ou non no once.
O que está claro é que tras os últimos resultados, especialmente os da pasada xornada, o partido adquire unha maior importancia para ambos os dous contendentes; para os locais porque un triunfo lles colocaría de novo en plena loita por recuperar un posto de promoción de ascenso, na quinta praza, quedando a un só punto do Deportivo B, mentres que aos visitantes puntuar en Pasarón lles permitiría abandonar os postos de descenso nos que caeron tras a derrota en Carballo.