Con todo o plantel dispoñible por primeira vez esta tempada
Por Diego Espiño
Esquecida ao fin a seca goleadora, o Pontevedra céntrase xa no seu novo obxectivo, estrearse fóra da casa, onde perdeu os seus tres partidos disputados por agora por idéntico resultado, 1-0.
Esa é a idea do plantel, aínda que o próximo rival dos granates sexa un óso duro como o Real Racing Club (domingo, 17:00 horas).
En Santander, salvo contratiempo ao longo da semana, Luisito poderá contar por primeira vez esta tempada con todos os seus futbolistas, tendo que facer descartes para configurar a convocatoria.
Se Jacobo xa entrou no equipo o domingo ante o Coruxo, Queijeiro empezou a semana totalmente integrado no grupo superados os seus problemas musculares no xemelgo, o que deixa baleira a enfermería. Ademais no Sardinero retornará Pablo Carnero unha vez cumpridos os seus dous partidos de sanción e con ganas de reivindicarse tras un complicado inicio de tempada a nivel individual.
Ata agora os granates sufriron as ausencias por sanción de Borjas, Capi ou o propio Carnero, mentres por problemas físicos perdéronse algún encontro Anxo, Jacobo, Tomás, Pedro García, Queijeiro ou Miguel Loureiro.
BAIXAS NO RACING
O que si afrontará o partido con baixas será o conxunto cántabro, tendo en conta que tres dos xogadores adestrados por Pedro Munitis atópanse lesionados.
Ademais de Borja Granero, lesionado de longa duración, dous futbolistas non iniciaron a semana de traballo co resto do grupo. Trátase de César Caneda, que sofre unha escordadura de xeonllo, e Borja San Emeterio, con molestias musculares, aínda que este último debería chegar en condicións ao choque do domingo.
O PARTIDO SERÁ TELEVISADO POLA INTERNET
Todos aqueles afeccionados que non poidan afrontar un dos desprazamentos máis esperados da tempada poderán seguir o partido dende a distancia.
O Real Racing anunciou que retransmitirá o encontro a través da súa páxina web, www.realracingclub.es, grazas ao acordo alcanzado este curso coa productora audiovisual Holastream.
Desta forma, e previo pago de 3,95 euros, poderase ver seguir o encontro con calidade HD nunha retransmisión efectuada a tres cámaras que poderá ser adquirida dnsde 24 horas antes do partido.
Relacionadas:
-
Partidazo e vitoria de prestixio do Pontevedra (1-2) que só sofre ao final en Santander
Por Redacción |
-
Visita granate a El Sardinero 43 anos despois
Por Ramiro Espiño |
-
Mocidade Granate organiza unha viaxe para apoiar o Pontevedra en Santander
Por Redacción |
-
O Pontevedra meréndase ao líder Coruxo (3-1) nunha gran segunda parte
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |