Derrota do Tenis de Mesa Monte Porreiro que non pode na casa (2-4) co Leka Enea vasco
Por Redacción
Non foi unha boa xornada para o Monte Porreiro Deporte Galego. Nun partido intenso, non puido evitar a súa derrota en casa ante o Irún Leka Enea. Os vascos impuxéronse por 2-4 nun encontro que se disputou este domingo no pavillón do Príncipe Felipe.
O partido comezou co debut do xogador arxentino Nico Galvano, nova fichaxe do club pontevedrés, ante o vasco Víctor Manuel Santamarta. Non acusou os nervios e non tivo problemas para dobregar ao seu experimentado rival por 3-1.
Non tivo tanta sorte Nacho Fernández, que se enfrontaba ante un dos mellores xogadores xuvenís de España, o estremeño Dani Palacios. Nun partido rifado, o pontevedrés cedeu por 3-1. A continuación saíu Santi Prieto, quizais máis nervioso do normal, que non puido co mozo vasco Endika González, cedendo por un claro 3-0.
Con 1-2 en contra, xogouse o importante encontro entre Galvano e Palacios, onde o xogador do equipo visitante demostrou que se atopa nun gran momento de forma vencendo ao arxentino por 3-1, con moitísima velocidade encima da mesa e sen cometer a penas erros.
Santi Prieto tampouco puido co veterano Santamarta e o xogador vasco logrou impoñerse por 3-1, dándolle a vitoria global ao seu equipo. Co partido perdido, Nacho Fernández impúxose a Endika por 3-2, despregando un xogo sobrio e eficaz.
Con este resultado, o Tenis de Mesa Monte Porreiro sitúase na novena praza da clasificación do grupo 1 da División de Honra Masculina. Suma unha vitoria e dúas derrotas.