O Club Saraiba de Poio proclámase campión galego de ximnasia rítmica na categoría cadete
Por Redacción
Non lle puido ir mellor ás ximnastas do Club Saraiba de Poio no Campionato Galego de conxuntos base e federados que se disputou o pasado domingo no Pavillón dos Remedios de Ourense. Quedaron campioas na categoría cadete.
Ata alí desprazárase un equipo formado por Alba Esperón, Sabela Fontecoba, Alba Cochón, Laura Vázquez, Ana Rodríguez e María Victoria Fernández.
Despois de competir contra doce conxuntos, estas seis ximnastas subiron ao alto do podio tras realizar un exercicio espectacular de pelota, que fixo poñer ao público en pé.
Con isto superan o título de subcampioas galegas obtido a tempada pasada.
Con elas, compartindo podio estaban as ximnastas do club As Triscas (segundas) e do Vagalume (terceiras).
As ximnastas de Poio contaron co apoio de parte do seu club que se desprazou ata Ourense para animar ás súas compañeiras para que se sentisen coma se estivesen en casa.
Agora, agardan repetir estas sensacións no Campionato de España que se celebrará os vindeiros 19, 20, 21 e 22 de novembro en Zaragoza, onde asistirán os mellores clubs de España.