Unha pedalada e unha carreira popular, propostas do programa Activa Combarro
Por Redacción
A túa enerxía conta. Con ese lema, o Concello de Poio está a preparar unha actividade lúdico-deportiva que se celebrará en Combarro o vindeiro sábado 31 de outubro e que incluirá unha pedalada e unha carreira popular como forma de promocionar un estilo de vida saudable.
A pedalada popular celebrarase entre as doce da mañá e as oito da tarde na Praza da Rualeira e nela poderán participar ciclistas de todas as idades, segundo adianta o Concello de Poio.
Pola súa banda, a Praza da Chousa será o punto de partida, ás seis da tarde, da primeira edición da carreira Activa Combarro na que, para participar, será obrigatorio a achega dun quilo de alimentos non perecedoiros.
O percorrido contará de dúas voltas polo centro histórico de Combarro. Serán 4,5 quilómetros con chegada na Praza da Rualeira. Non será unha proba competitiva, pero aínda así entréganse trofeos aos tres primeiros clasificados nas dúas categorías: absoluta e veteranos (nacidos no ano 1980 e anteriores).
A inscrición para esta carreira pódese realizar ata o próximo 28 de outubro a través do correo electrónico lodeco@lodeco.es. Só poderán correr os maiores de 16 anos.