Sarxento Luisito
Por Ramiro Espiño
Adestramento en Pasarón. Preparando o partido do próximo domingo fronte á Arandina en terras burgalesas. Luisito, técnico do Pontevedra, en estado puro. Non para de dar instrucións aos seus xogadores. Informándolles das características do rival. Ordenando movementos con e sen balón, tanto en defensa como en ataque.
Xesticulando sen cesar. Pedindo máxima intensidade e atención no traballo. E ao que se descoide a reprimenda non é só verbal, se non que pode significar dose extra de traballo físico. Á terceira ocasión en que o técnico queda insatisfeito do realizado polos seus homes, 50 flexións de brazos para o equipo que non executara a xogada como o de Teo demandáballes.
Pero se hai algún que busca o "escaqueo" e cólleo, as consecuencias son peores. Fíxoo Jandrín. Cando o seu grupo ía pola flexión número 20. Pensando que Luisito non lle vía, quixo aforrarse algunha. O técnico virouse e ao verlle sentenciou: "50 por las de ahora y otras 50 más al acabar. En total 100".
Iso e outras perlas como "Nos quedamos aquí hasta la una de la noche. No me voy a Santiago. Me importa un carajo".
Raro é que ao longo dunha sesión algún dos seus homes salga sen que lle dirixa algunha "perliña" estimulante ou de reproche. Ten para todos e para a acción cantas veces sexa necesaria para corrixir o que non lle gusta. Os seus xogadores acéptano sen rechistar porque saben que o froito dese intenso traballo recólleno os domingos.
Se os afeccionados non acudiron aínda a un adestramento, poden estar seguros que cando o fagan non se aburrirán. Así é o adestrador do Pontevedra, o "Sarxento" Luisito.
ADESTRAMENTO
Anécdotas á marxe, o adestramento realizado na tarde deste xoves serviu para continuar coa preparación do partido próximo no que os granates buscarán a cuarta vitoria consecutiva fronte a un rival complicado, especialmente no seu campo. Luisito deixou claro que estudou en profundidade ao conxunto burgalés, tentando transmitir aos seus homes como neutralizar as súas virtudes.
No ensaio participou todo o plantel. Unicamente fíxoo a menor ritmo Adrián Gómez, que ten lixeiras molestias musculares, aínda que non lle impedirán chegar a tempo para o partido. O capitán, despois de facer o traballo físico cos seus compañeiros, retirouse á banda para facer carreira continua, acompañado de Ramón e Abraham, dúas dos mozos do filial que veñen traballando co primeiro equipo e que tamén arrastran molestias.
Mentres, sobre o cesped Luisito, que salvo imprevistos no que resta de semana contará de novo con todos os seus homes dispoñibles, ensaiou un once que apunta á continuidade con respecto ao que vén xogando habitualmente.
En canto ao partido que se disputará no Campo Municipal El Montecillo (domingo, 17:00 horas), ten xa trío arbitral designado. Será de novo un colexiado madrileño o que leve as rendas, David Gálvez Rascón, auxiliado nas bandas por David Bernal Martín e Javier Roldán Bernardo.
A ARANDINA NON PODERÁ CONTAR CO PORTEIRO ÁLEX HERNANDEZ
O rival de quenda, a Arandina, terá unha baixa importante fronte ao Pontevedra. Trátase do seu porteiro titular, Álex Hernandez, que resultou lesionado a pasada xornada no partido que os burgaleses xogaron e gañaron contra o Sporting de Gijón B, en Mareo. O porteiro tivo que ser substituído no minuto 74 dese partido tras un choque cun rival e todo apunta que será baixa para varios meses ao sufrir unha probable rotura do ligamento cruzado do xeonllo.
Relacionadas:
-
Desconto máxico para o Pontevedra que suma a cuarta consecutiva á conta da Arandina (2-3)
Por Redacción |
-
Arandina, proba de lume para un Pontevedra en alza
Por Ramiro Espiño |
-
Mouriño dá a vitoria a un Pontevedra que remonta ao Atlético Astorga (2-1) nunha boa segunda parte
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Un rival inédito para continuar a escalada en Pasarón
Por Ramiro Espiño |
-
Unha reacción que invita ao optimismo
Por Diego Espiño |
-
Partidazo e vitoria de prestixio do Pontevedra (1-2) que só sofre ao final en Santander
Por Redacción |