Castor Salgado e Andrea Montero, os aventureiros máis rápidos da Gladiator Race de Pontevedra
Deporte, aventura e sobre todo moita diversión. Foron as claves da segunda edición da Gladiator Race -a primeira celebrada en Pontevedra-, celebrada este sábado nas inmediacións da Illa das Esculturas. Máis de 2.100 participantes tomaron a saída nesta proba, na que debían completar un circuíto de ou oito quilómetros e sortear case unha trintena de obstáculos.
O máis rápido en facelo, na categoría masculina, foi Castor Salgado, que finalizou a proba en 35 minutos e 3 segundos. Estivo acompañado no podio por Manuel Raña, irmán do triatleta Iván Raña, quen a pesar de realizar a proba descalzo, alcanzou o segundo posto cun tempo de 35 minutos e 9 segundos. Álvaro García do Spartan Team foi terceiro ao parar o crono en 35 minutos e 27 segundos.
Pola súa banda, entre as mulleres a gañadora foi Andrea Montero que completou o percorrido en 42 minutos e 20 segundos. María Martínez foi segunda cun tempo de 42 minutos e 39 segundos e Jimena Álvarez finalizou terceira, tras superar a liña de meta en 43 minutos e 30 segundos.
Durante o percorrido os corredores, que saían en grupos duns 180 participantes cada vinte minutos, debían rubir por muros e ramplas de madeira, arrastrarse polo barro, ascender por redes, saltar lume, atravesar o río Lérez sobre colchóns, reptar sobre a area, atravesar unha tubaxe, saltar por enriba de coches, e moitas máis trabas que os participantes superaron antes de alcanzar a liña de meta.
Pero na Gladiator Race tamén se podía competir en equipos de polo menos cinco integrantes. Precisamente o quinto clasificado de cada grupo era o que determinaba a posición do seu equipo nesta categoría.
De entre as máis de 100 escuadras participantes, a vencedora foi CMT Tríatlon Morrazo (44 minutos e 14 segundos) seguidos do equipo capitaneado polo campión olímpico de piragüismo Carlos Pérez Perucho (45 minutos e 1 segundo). O terceiro caixón do podio nesta categoría ocupouno Argonautas cun tempo de 45 minutos e 27 segundos.
A Gladiator Race Pontevedra foi un éxito non só de participación senón tamén de público. Centos de persoas achegáronse ata a contorna da Illa das Esculturas para animar aos corredores. O evento pechouse no recinto feiral coa cerimonia de entrega de premios, antes da cal, gardouse un emotivo minuto de silencio en memoria da muller asasinada en Ponte Sampaio, vítima da violencia machista.
Relacionadas:
-
Os terreos de Tafisa e o Miradoiro de Monte Porreiro, novos espazos para a Gladiator Race
Por Redacción |
-
Máis de 2.300 inscritos para a segunda edición da Gladiator Race
Por Redacción |
-
Vilagarcía apúntase ás carreiras de obstáculos cun evento baixo teito en Fexdega
Por Redacción |
-
A segunda edición da Gladiator Race de Pontevedra abre inscricións
Por Redacción |
-
A Gladiator Race anuncia unha segunda edición en Pontevedra para o próximo 4 de xuño
Por Redacción |
-
Nunca me rendo!!!
Por Redacción |
-
Chega a Gladiator Race: a Illa das Esculturas, territorio só apto para aventureiros extremos
Por Alejandro Espiño |
-
Os obstáculos da Gladiator Race de Pontevedra convencen a 2.000 persoas
Por Redacción |