A motivación do Cisne imponse a un esvaecido Teucro (33-27) e apéao da Copa Deputación
Por Ramiro Espiño
O derby pontevedrés de balonmán deixou a sorpresa coa eliminación do Teucro ás mans do seu rival local, apeándoo fóra das semifinais da Copa Deputación que se disputarán o fin de semana en O Rosal, e nas que o Cisne se enfrontará ao B.M. Cangas Frigoríficos del Morrazo.
Se fai apenas uns días o equipo que dirixe Milucho Pintos puxera en serios apertos a todo un conxunto de Liga Asobal como o Academia Octavio, nesta ocasión volveu demostrar que se crece ante rivais de superior categoría, culminando unha grande actuación na que foi superior de principio a fin a un Teucro que rendeu moi por debaixo das súas posibilidades.
Se a primeira parte foi relativamente nivelada, a reanudación marcaría o desenlace do choque. Os tres goles de renda cos que o Cisne se foi ao descanso, darían paso a unha saída en tromba do equipo branco que, cun parcial de 4-0 nos primeiros cinco minutos, marcharía no luminoso. A defensa teucrista foi unha auténtica coaba todo o partido, e a súa portaría, tantas veces sustento do xogo e dos triunfos do equipo, non deu unha a dereitas, tragando practicamente cada lanzamento dos xogadores de Milucho.
O Cisne logrou unha máxima renda de nove goles ao comezo da segunda parte
Como en ataque tampouco funcionaban as cousas (máis de sete minutos tardou o Teucro en anotar tras o descanso), Javier Barrios pide un tempo morto que non serve para arranxar a "torrada" colectiva dos seus homes. O Cisne logra unha máxima renda de nove goles (23-14) e mesmo acepta o intercambio de golpes, que só serve para un lixeiro achegamento dos teucristas. A tímida reacción non dá máis que para poñerse con catro tantos de desvantaxe e para renderse logo nos últimos cinco minutos ante a evidencia dun Cisne que simplemente saíu á pista moito máis motivado e tivo a súa xusta recompensa.
B.M. CISNE (33): Toño Lafuente; Bruno Montesinos (1), Pablo Domínguez (9, 3 de penalti), Pablo Picallo (1), Alberto Casares (1), Edu Covelo (1), Adrián Freiría (4) -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.), Juan Novás (p.s.), Iván Abilleira (4), Álex Chan (3), Andrés Sánchez (3), Martín Iglesias (3, 1 de penalti), Javi Vázquez (1), Pablo Rey, Miguel Simón, Pachi Dacosta e Dani Puente (2).
S.D. TEUCRO (27): Juan Bar; Toño Fernández (8, 2 de penalti), Alejandro Pombo, Miguel Porto (3), Tomás Moreira (4), José Manuel Rial, Borja Pedreira (3) -sete inicial-, Gonzalo García (p.s.), César Armán, Aarón Vidal, Carlos Pombo, David Chapela (1), Didac Villar (2), Carlos García (4) e Siscu (2).
Árbitros: Soraya Abelenda e Alba Currás (Colexio Galego). Excluíron por dous minutos a Andrés Sánchez, Martín Iglesias, Miguel Simón (2), Adrián Freiría, Dani Puente, Aarón Vidal, Miguel Porto e Carlos García.
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 5-5, 8-7, 11-10, 13-11, 16-13 (descanso), 20-13, 22-14, 25-19, 29-23, 30-26 e 33-27 (final)
Incidencias: Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Case cheo. Partido correspondente aos cuartos de final da Copa Deputación.