Xían Silva consegue o bronce no Europeo Sub-21 de taekwondo
Por Redacción
Non chegaba no seu mellor momento de forma, tras unha lesión que lle obrigou a parar e puxo en dúbida a súa participación, pero non podía faltar á cita co 'seu' campionato.
Xián Silva (Mace Sport) conseguiu este sábado en Bucarest a medalla de bronce no Campionato de Europa Sub-21 na categoría de -80 quilos.
É a terceira medalla consecutiva do pontevedrés no Europeo da categoría, tras as pratas conseguidas en 2013 e 2014.
Nesta ocasión Xián quedou a un paso da final tras perder nun emocionante combate de semifinais ante búlgaro Yordan Kolev, decidido no último segundo.
A falta de cinco segundos para o final do terceiro asalto, cun tenteo de 8-8, puntuaron os dous deportistas nun intercambio de golpes, que favoreceu ao búlgaro cun punto no último segundo facendo o 9-10 definitivo.
Para chegar ata a semifinal Xián Silva, tras quedar exento da primeira rolda, derrotara ao turco Orkun Atesli (15-10) e ao grego Apostolos Telikostoglov (13-1).