Cos Xogos Olímpicos entre cella e cella
Por Diego Espiño
Será a principal cita deportiva dos próximos meses. Esa para a que moitos se estiveron preparando durante catro anos, porque o 2016 é ano olímpico e os deportistas pontevedreses téñeno apuntado en vermello no seu calendario.
Unha das maiores opcións de medalla será para un atleta adoptado pola cidade de Pontevedra como Javier Gómez Noya. O pentacampión do Mundo está xa clasificado para os Xogos Olímpicos de Río, onde espera pelexar polo único gran título que falta na súa palmarés, tras a medalla de prata conseguida en Londres. Toda a súa preparación do ano irá encamiñada á cita de Brasil, que se disputará nun circuíto que xa coñece de primeira man tras destacar no test olímpico meses atrás.
Tamén aspira a medalla en Río Támara Echegoyen, que xunto á súa compañeira Berta Betanzos clasificaron ao barco español na categoría do 49er FX, en vela. O dúo galego cántabro confirmouse entre as mellores tripulacións da categoría e acumulan experiencia no campo de regatas da baía de Guanabara.
Únese á nómina de xa clasificados o tirador paralímpico pontevedrés Juan Saavedra, co reto de repetir a prata conseguida en Londres 2012, ou a piragüista canguesa Teresa Portela.
Tras eles, moitos son os que buscan no inicio de ano o pasaporte olímpico en disciplinas como a natación, atletismo, ciclismo ou taekwondo, entre outras.
Unha das deportistas que aspira a repetir presenza nos Xogos é a nadadora Bea Gómez Cortés. Recuperada da operación de corazón que freou a súa preparación hai uns meses, a pontevedresa deberá conseguir as marcas mínimas esixidas no Campionato de España Open de Primavera, que se celebrará en Sabadel do 19 ao 22 de marzo, segundo os criterios de selección establecidos pola Federación Española.
Máis complicado, aínda que non imposible, teno o marinense Jean Marie Okutu, que busca a súa clasificación en salto de lonxitude. O atleta do Fútbol Club Barcelona necesita saltar 8,15 metros entre o 1 de maio e o 11 de xullo, o que supón mellorar a súa mellor marca e record galego (8,04 metros).
Busca tamén a súa presenza en Río de Janeiro a taekwondista caldense Lúa Piñeiro, aínda que perdeu opcións tras elixir a Federación Española a unha das súas compañeiras para o preolímpico deste mes de xaneiro. En Turquía Marta Calvo buscará darlle a España unha praza olímpica na categoría de Lúa, os -67 quilos, praza que despois adxudicaría a dirección técnica do equipo nacional.
Pola súa banda Lucía Vázquez no cross country olímpico de ciclismo de montaña, precisa primeiro que España ascenda postos como equipo no ránking internacional que lle permitan acudir á cita, e despois ser unha das elixidas pola Federación Española.
Todo iso sen esquecer a Pablo Moreno en esgrima, en plena loita por ascender postos no ránking, ou aos piragüistas como Adrián Sieiro, Sergio Vallejo, Diego Romero e Tono Campos, entre otros, que acudirán ao preolímpico a queimar as súas últimas opcións de clasificación, despois de non lograla no último Campionato do Mundo.
Relacionadas:
-
Bea Gómez busca a clasificación olímpica en Sabadell sen marxe para o erro
Por Diego Espiño |
-
Okutu, ante o seu reto máis difícil
Por Diego Espiño |
-
Lúa Piñeiro queda sen opcións de clasificación olímpica
Por Redacción |
-
O Euro Meet de Luxemburgo, primeira cita de nivel do ano para Bea Gómez
Por Diego Espiño |
-
Segundo posto final para Támara Echegoyen e Berta Betanzos na Copa de Brasil
Por Redacción |
-
Pablo Moreno sobe postos no ránking mundial de sabre tras o seu bo papel no Grand Prix USA
Por Redacción |
-
Primeiro paso dos canoístas do Piragüismo Poio e do Breogán no difícil camiño a Río 2016
Por Redacción |