Cita co mellor karate galego en Pontevedra
Pontevedra é a sede escollida para albergar este domingo, 7 de febreiro, o Campionato Galego Senior e o Campionato Galego de Karate Adaptado nas instalacións do Pavillón Municipal dos Deportes. A competición, que terá lugar desde as 16:30 horas, conta con dúas modalidades diferentes para cada categoría: kata (posta en escena de formas) e kumite (combate deportivo) individual na categoría senior e kata individual na categoría de karate adaptado.
O club Gimsport, único representante da provincia de Pontevedra, realizará unha demostración con todos os seus alumnos, "serán rapaces a partir de 3 anos, ata xente adulta a partir de 60 anos", comentou Alberto Álvarez Taboada, director do departamento de arbitraxe da Federación Galega.
Este campionato contará con 43 deportistas e a pesar do reducido do número "é o que máis calidade ten" comentou Alberto Álvarez. Será desta maneira o primeiro campionato oficial de karate celebrado en Pontevedra e espérase "que sexa o primerio, o segundo e o terceiro cara outros anos", Álvarez Taboada.
A lista de clubs participantes que conforman este evento é a seguinte: Gimsport (Pontevedra); Akai Ryu, Karate- do Carballo, Club Karate Ortigueira, Shorinji-Ryu, Club San Fco. Teo, E.S.K Naron, A.D. Santiago Apostol, Renbukan e Bunkai (A Coruña); Karate Club Maceda, River Stone (Ourense) e Sh1han (Lugo).