Derrotas de Portonovo e Sanxenxo e triunfos de Villalonga e Céltiga na súa loita polo ascenso
Por Redacción
O Céltiga mantén o ritmo na súa persecución do segundo clasificado, o Gondomar, que lle avantaxa en tres puntos na táboa de Preferente.
Os da Illa manteñen intactas as súas esperanzas de ascenso directo despois de vencer na casa e pola mínima a un combativo Estradense, grazas ao gol de Jonatan aos 20 minutos de xogo.
Tras o tanto o Céltiga soubo sufrir, os últimos minutos en inferioridade numérica, para quedar cos tres puntos que lle manteñen terceiro, con 50.
Tamén gañou o Villalonga, non sen suar, na súa visita ao campo do Alertanavia (0-1), onde se impuxeron cun solitario gol de Saúl aos 4 minutos. Os celestes, líderes, manteñen dez puntos de vantaxe sobre o terceiro.
Peor lle foron as cousas a Sanxenxo e Portonovo. O cadro amarelo cedeu en Porriño (2-1) no último minuto de partido, despois de igualar o gol inicial dos locais, e quedan na sétima praza con 38 puntos.
Pola súa banda o Portonovo, que se viu sorprendido en Baltar polo Lalín (2-3) é décimo con 34 puntos. Os arlequinados, que se adiantaron en dúas ocasións, viron como o Lalín remontaba na segunda metade empatando desde o punto de penalti e marcando o terceiro nos minutos finais cando o Portonovo xogaba en inferioridade numérica.