A Coruña arrebata a Vilagarcía a proba galega do World Padel Tour
Por Redacción
Vilagarcía de Arousa non seguirá acollendo unha proba do circuíto mundial de pádel, o World Padel Tour, tras o éxito da primeira edición celebrada no recinto feiral de Fexdega.
Condesa Sport, organizador do evento, confirmou que pese ao "firme apoio" do Concello "coas condicións económicas do circuíto este ano resultaba inviable realizalo en Vilagarcía", sinalan nun comunicado.
Por ese motivo a cidade da Coruña será a que acolla o torneo, buscando unhas instalacións con maior aforamento, máis servizos e a posibilidade de incrementar os patrocinios e número de espectadores, explica Condesa Sport.
O World Padel Tour recalará na cidade herculina do 9 ao 16 de outubro, coa fase previa de competición no Coruña Sport Center e a fase final no Coliseum.
A pesar desta decisión desde a organización aseguran confiar "en que no futuro se volvan a dar as condicións que permitan a Vilagarcía volver ser sede dun torneo WPT".