A Selección Venezolana de fútbol faise notar en Sanxenxo
Por Redacción
A chegada da Selección Venezolana de Fútbol non pasou desapercibida en Sanxenxo, onde permanecerá concentrada ata o vindeiro domingo preparando a súa participación na Copa América Centenario, que terá lugar do 3 ao 26 de xullo en Estados Unidos.
Durante esa estancia, ademais do amigable previsto ante a Selección Galega o venres 20 en Riazor, a 'Vinotinto' adestrará nos campos de Baltar en Portonovo e A Senra en Ribadumia.
A presenza de futbolistas de primeiro nivel como Rosales (Málaga), Tomás Rincón (Genoa), Peñaranda (Granada), Juanpi (Málaga) ou Josef Martínez (Torino), non pasou inadvertida para os afeccionados ao balompé. Algúns deles, en especial seguidores do país americano, achegáronse ata o Gran Hotel Talaso de Sanxenxo para fotografarse cos seus ídolos, que se deixaron ver por un concorrido Paseo de Silgar.
Ademais da programación deportiva, a selección de Venezuela acudiu a unha recepción oficial ofrecida pola Federación Galega de Fútbol, co seu presidente Rafel Louzán á cabeza e o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, ademais da cónsul de Venezuela en Vigo, Mónica Sánchez.