Último test para Támara Echegoyen e Berta Betanzos antes de Río 2016
Por Redacción
Quedan menos de dous meses para os Xogos Olímpicos de Río 2016 e a pontevedresa Támara Echegoyen apura a súa preparación. Xunto á súa compañeira no 49erFX, Berta Betanzos, participará desde este xoves na a Sailing World Cup de Weymouth, o seu último torneo antes da gran cita en Brasil.
A súa última regata foi o Europeo de 49erFX celebrado en Barcelona e no que o tándem Movistar levou o bronce. Desde entón pasaron 52 días, polo que a galega e a cántabra decidiron facer a Sailing World Cup de Weymouth.
"Desde o Europeo ata Río había bastante tempo sen ningún tipo de competición e cremos que é necesario seguir competindo para manter o nivel e continuar aprendendo cousas novas. Así que decidimos volver este ano a Weytmouth para tentar aproveitar estes cinco días de máximo nivel e seguir sobre todo puíndo eses puntos que queremos traballar", explica desde Inglaterra Támara Echegoyen.
Despois de mes e medio adestrando en Santander cos seus compañeiros de equipo e "facendo grandes progresos na auga", como di Támara, volven "con moitas ganas de empezar a regata e poñelos en práctica".
En total, hai 13 probas programadas para a clase 49erFX nos cinco días de regata, tres por día menos o domingo día 12, que se disputará unicamente a Medal Race (na que só navegan as 10 mellores tripulacións, puntúa dobre e non é descartable). 15 tripulacións de 11 países conformarán a frota desta categoría.
O parte meteorolóxico para os próximos días en Weymouth, lugar onde Támara logrou a medalla de ouro na modalidade de Match Race nos pasados JJ.OO., é de pouco vento. Un plus, para Echegoyen e Betanzos xa que, "poderemos seguir adestrando con esas condicións que supostamente nos atoparemos en Río".