O Open Cidade do Lérez xunta esta fin de semana a 450 taekwondistas en Pontevedra
Por Redacción
Preto de 450 deportistas participarán esta fin de semana, os días 11 e 12 de xuño, na quinta edición do Open Cidade do Lérez, que se celebrará no Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra a partir das nove e media da mañá.
É un campionato organizado polo club Taekanart.
O sábado celebrarase a competición de combate coa participación de 295 deportistas das categorías infantil, pre-cadete, cadete, júnior e sénior.
Este ano será a primeira vez que se celebre este torneo na categoría sénior. Ademais, tamén será o primeiro campionato galego no que se aplicará o novo regulamento nacional infantil.
No Open do Lérez utilizaranse petos e cascos electrónicos, así coma vídeo replay. No pavillón estarán instalados cinco tapices para acoller as competicións durante estes dos intensos días.
O domingo, a partir das 10 horas, celebrarase a modalidade de exhibición e pola tarde, o freestyle, cun total de 149 deportistas inscritos.
A entrada para asistir a este Open Cidade do Lérez custa cinco euros, que servirán para sufragar os gastos que xera a proba deportiva.