Anxo e Fran Fandiño poñen a guinda ao novo proxecto do Ribadumia
Por Diego Espiño
A falta dalgunha oportunidade que ofreza o mercado, o Ribadumia deixou perfilado o seu plantel con tres novas incorporacións e unha renovación co obxectivo de dar un paso á fronte na Terceira División e situarse, polo menos, na zona media da táboa.
Dúas das novas fichaxes aurinegras chegan ao club da Senra para achegar un salto de calidade e experiencia tras o seu paso polo Pontevedra. Trátase do interior zurdo Anxo e o centrocampista Fran Fandiño, que no seu caso a pasada campaña xogou cedido no Arosa.
Ademais o Ribadumia pechou a incorporación de Jony, centrocampista procedente do Sanxenxo, e asegurou a renovación de Bugallo, polo que o xoven central cumprirá a súa segunda tempada no club.
Con estas novidades David Sierra conta xa con 18 futbolistas no plantel, unha cifra que se pretende ampliar nun ou dous xogadores para evitar os problemas de efectivos do pasado ano nalgunhas fases da competición.