Case medio milleiro de atletas completan a +10 Marín
Por Redacción & Diego Torrado
Novo éxito de participación na quinta edición da carreira +10 Marín Manuel Rosales Gran Premio Ence, celebrada na tarde noite do sábado nun circuíto habilitado no centro da vila.
Dos máis de 600 inscritos inicialmente, nada menos que un total de 495 atletas completaron a proba, que comezou ás 22:00 horas en categoría absoluta, tras homenaxear un ano máis na liña de saída ao deportista local Manuel Rosales, que nesta ocasión si puido participar e completar a carreira, cun circuíto desde a Avenida de Ourense dirección Pontevedra, chegando ata Estribela para dar volta, introducirse na Escola Naval e concluír na Rúa Almuiña.
Ademais, antes da saída, Marín tamén quixo render homenaxe aos seus seis deportistas olímpicos, reclamando a presenza de Carlos e Elisardo de la Torre, José Manuel Abal, Agustín (exporteiro do Real Madrid), José Manuel Crespo e Jean Marie Okutu, que recibiron unha placa de recoñecemento, tres deles (Abal, Elisardo e Agustín) a través de representantes.
Unha hora antes a quenda fora para as carreiras das categorías inferiores.
En categoría absoluta os máis rápidos en completar os 10.000 metros de percorrido foron Pablo Miguel García en categoría masculina (30:31), mellorando en case dous minutos o tempo do vencedor da anterior edición, e Ariana González na feminina (36:40), que tamén mellorou nun minuto a marca do pasado ano.