Segunda visita da tempada a Zarautz dun Teucro mermado polas lesións
Por Diego Espiño
Tres semanas despois de conseguir gañar alí na Copa do Rei, a Sociedad Deportiva Teucro volve este sábado a Zarautz en liga (19:30 horas) co obxectivo de manter a súa traxectoria ascendente.
"Será complicado, ellos habrán sacado conclusiones", recoñece Quique Domínguez, e ademais "son un equipo siempre intenso".
Os azuis afrontan de novo tres partidos nunha semana, o do País Vasco, Go Fit Sinfín en copa o mércores e o derbi pontevedrés o sábado 29, nun momento no que as lesións están afectando ao plantel.
Ademais de baixa de longa duración de Rial, o técnico teucrista deberá afrontar estes choques sen Edu Moledo e Saúl Campo. No caso do extremo "va mejorando lentamente" da súa luxación nun dedo pero "ahora mismo está lejos de volver", recoñece o seu adestrador. Pola súa banda Saúl será sometido a unha resonancia magnética o vindeiro mércores para coñecer o alcance exacto da súa lesión no ombreiro.
No seu lugar entrarán na convocatoria para o partido o xogadores do filial Arón e Sergio Altirriba, que veñen participando con asiduidade co primeiro equipo desde o inicio da tempada.
Tamén o Amenábar Zarautz contará cunha ausencia importante para a cita ante o Teucro, a do lateral David Aguirrezabalaga.
O partido será arbitrado polos colexiados vascos Ansoleaga Torrontegui e Izquierdo Molina.