Boa acollida da I Carreira Solidaria Montes de Curro
Por Redacción
A primeira Carreira Solidaria Montes de Curro estreouse con éxito con preto dun cento de participantes nas súas diferentes modalidades.
Tratábase dunha iniciativa organizada para colaborar coa Asociación de Rescate Animal Cadeliños, á que ían destinados os fondos recadados para custear a súa actividade de rescate de animais abandonados e a procura dun novo fogar para eles.
Os participantes afrontaron unha carreira popular de 15 quilómetros na súa versión longa, con opción dun percorrido curto de 5 quilómetros e unha andaina popular na que os participantes puideron contar coa compañía dos seus cans.
O obxectivo, ademais da propia recadación económica, era concienciar sobre a problemática existente en torno ao abandono de animais e as dificultades coas que se atopa a asociación a diario para poder axudalos.