A Raña, escenario do campionato galego de taekwondo o 17 de decembro
Por Redacción
Os mellores taekwondistas de Galicia daranse cita o vindeiro sábado 17 de decembro nas instalacións do pavillón municipal da Raña (Marín) para participar no campionato galego sénior de taekwondo.
A federación galega desta disciplina deportiva volve así a apostar por Marín como escenario de eventos de alto nivel. Neste caso volverá estar organizado polo equipo local, o Club Taekwondo Mat's, en colaboración co Concello de Marín.
Segundo se explicou na presentación do campionato, a proba contará coa presenza da elite do taekwondo galego.
A entrada a este campionato, que se celebrará entre as nove da mañá e as tres da tarde, será gratuíta.
Ao mesmo tempo que se presentaba a proba, o goberno municipal de Marín quixo aproveitar para brindar unha recepción oficial á protagonista dun dos últimos triunfos do club marinense.
Trátase da taekwondista Arlet Ortiz, recente prata no Open Internacional de París con tan só 15 anos, quen departiu uns minutos coa alcaldesa sobre as súas impresións e os seus obxectivos de futuro.