Suma e segue dun Teucro intratable que se impón con autoridade ao Grupo Covadonga (25-30)
Por Redacción
Tiña o Teucro unha proba de lume na súa visita á sempre complicada pista do pavillón Braulio García de Gijón, onde lle esperaba un incómodo Grupo Covadonga, pero os azuis superaron con nota o compromiso, vencendo con autoridade e confirmando o gran momento de forma que atravesan, para asentarse no liderado e resistir a persecución de Zamora e Palma del Río, que tamén venceron, o segundo con moitos problemas.
Os de Quique Domínguez fixeron un partido serio no que dominaron desde o asubío inicial, sen dar opción aos asturianos para inquietarlles en ningún momento. Grupo Covadonga resistiu como puido sen entregarse nunca, pero cedeu ante un Teucro serio no seu xogo, efectivo en ataque e solvente en defensa.
A igualdade no marcador durou escasamente oito minutos (4-4). A partir de aí o Teucro comezou a despegarse para marcar distancias importantes desde o minuto 20 de xogo (7-11). Os locais reducirían lixeiramente, pero o equipo galego foise ao descanso cun marcador favorable (11-14), que lle poñía en boa situación para sentenciar na segunda parte.
E fíxoo. Nada máis renovarse o xogo, o gol inicial dos asturianos foi contestado por un parcial de 0-4, con tres tantos de Borja Méndez e un de Samu Gómez, que deixaban o partido case resolto (12-18) no primeiros catro minutos do segundo tempo.
O técnico asturiano pediu tempo morto, pero os visitantes non deixaron escapar a renda, a pesar dos intentos locais, que o máis que conseguirían sería achegarse a tres (18-21), para ver como inmediatamente o Teucro respondía recuperando un colchón que xa se mantería ata o final para terminar vencendo con solvencia e autoridade (25-30).
Consulta aquí o acta do Grupo Covadonga-Teucro.