O Sanxenxo recupera a súa mellor versión, o Unión Grove segue a súa escalada e o Portonovo cae en casa
Por Redacción
Despois de tres empates consecutivos volveu gañar o Xuventú Sanxenxo, e fíxoo con autoridade no difícil campo do Valladares (1-4).
Os amarelos adiantáronse aos 14 minutos cun gol de Álex Currás, pero non foi ata o segundo acto cando encarrilaron o partido. Foi en dous minutos, con dous tantos de Héctor que poñían o choque a favor.
Recortou distancias o equipo local aos 61 minutos, pero Currás a pouco do final encargábase de sentenciar.
Con este triunfo os de Óscar García colócanse decimosegundos con 30 puntos.
Consulta o acta do Valladares-Xuventú Sanxenxo.
Segue á alza o Unión Grove, que logrou a súa cuarta vitoria consecutiva en liga prolongando o seu bo momento ao vencer no Monte da Vila ao Verín (4-2).
O equipo meco adiantouse no primeiro minuto de xogo, cun gol de Carlos Besada, pero o Verín empatou antes do descanso e non foi ata mediado o segundo tempo cando tomaron de novo vantaxe con tantos de Rubén e Diego Blanco. Os visitantes non se renderon e recortaron distancias, ata que a falta de dous minutos Martín sentenciou.
O Unión Grove sitúase na undécima praza con 30 puntos.
Consulta aquí o acta do Unión Grove-Verín.
O Portonovo, aínda con marxe, pero aproxímase de novo aos postos baixos tras a súa segunda derrota consecutiva, esta vez tras caer en Baltar ante o Nogueira de Ramuín (0-1).
Un solitario gol dos visitantes aos 67 minutos decidiu o choque. Tentaron reaccionar os de Borja Burgos, pero sen éxitos nos últimos metros.
O cadro arlequinado é agora décimo quinto con 24 puntos.