Nova imaxe para a marca municipal Deporte Pontevedra
Por Redacción
O Concello de Pontevedra deixa atrás definitivamente o IMD e presentou a imaxe corporativa de marca Deporte Pontevedra.
O novo símbolo do servizo municipal de deportes parte dunha sección dos aros olímpicos inscritos nunha circunferencia branca e azul na que figura o logotipo da marca. Foi elaborado polo gabinete de comunicación do Concello nun proceso no que tamén participaron técnicos municipais baixo a supervisión da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
O proceso de cambio de imaxe inclúe unha estratexia para a súa inserción en papelería, elementos de publicidade exterior ou merchandising, pero a súa substitución realizarase de maneira progresiva para evitar "gastos superfluos ou innecesarios", sinalaron desde o propio Concello.
O seu uso a partir de agora será obrigatorio por parte dos clubs pontevedreses na organización de competicións e actividades que conten con patrocinio municipal.