Abonado ao sufrimento, o Teucro segue ao seu vencendo con apuros ao Torrelavega (27-25)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Xogando con lume. Rozando a sorpresa, pero sumando dous novos puntos (e van 33 dos últimos 34), para manter liderado e distancia sobre os seus perseguidores. O Teucro gañou ao Torrelavega, abonándose ao sufrimento e atopando na bancada ese plus que necesitaba para superar a un rival incómodo, perigoso, que nunca se deu por vencido, nin sequera cando se viron cinco abaixo ao pouco de comezar a segunda parte.
Os de Quique Domínguez, que realizaron unha máis que aceptable primeira metade, non exenta de lagoas, especialmente en defensa, levando a iniciativa e deixando sensación de superioridade, a punto estiveron de complicarse na segunda por falta de continuidade no seu xogo.
O equipo azul había realizado na previa un chamamento á súa afección, reclamando o seu apoio, e a bancada non fallou. Excelente entrada e total compromiso. Tanto que non é esaxerado afirmar que este partido, de non xogarse no Municipal, posiblemente se escaparía. Os teucristas atoparon nos seus as forzas que necesitaron para superar momentos complicados, gañando con xustiza, pero con sufrimento.
Poida que o Teucro non fixese neste partido máis que unha boa acción defensiva completa, pero foi clave e definitiva. Levouna a cabo no último minuto de partido e fíxoo ademais en inferioridade, cando o marcador reflectía un inquietante 27-25 (así quedaría) e Torrelavega ameazaba con aproveitar un día gris, que por momentos ameazou tormenta, nunha segunda parte frouxa, xogada a refachos.
A primeira parte foi de dominio e iniciativa azul. A pesar de que a defensa nunca terminou de asentarse, en ataque resolvíase con claridade, rapidez e relativa comodidade, cun longo período de case nove minutos sen marcar por parte local, superado o ecuador do primeiro tempo, pero recuperando o acerto na recta final para chegar a unha vantaxe de catro goles (15-11), reducida nun gol polos cántabros antes de retirarse a vestiarios.
Á volta, en pouco máis dun minuto o Teucro fixo subir a vantaxe a cinco (17-12). O partido parecía inclinarse ao lado da casa, pero Torrelavega non se rendeu e o Teucro entrou nunha perigosa fase de intercambio de golpes da que non saíu ben parado, tanto que o exteucrista Marcos Dorado, con dous goles seguidos, levaba o empate ao marcador e a inquietude á bancada (23-23).
Mesmo puideron poñerse por diante os cántabros, pero fallaron dous ataques e o Teucro, sostido por García Pichel, recuperaba unha mínima vantaxe. Quique Domínguez deu entrada a Javi Santana en portería e o canario resultou clave, parando un penalti a Juan Carlos Hernández con 27-25 no luminoso, despois do oitavo gol de García Pichel.
Quedaban menos de catro minutos. Parecía resolto, pero aínda habería que seguir sufrindo. Johnny Medina era excluído a falta de minuto e medio. Entón xurdiu esa excelente defensa en inferioridade para recuperar o balón con 47 segundos por diante. A presión visitante levou a unha perda do Teucro, pero Santana evitou males maiores e os azuis puideron saborear unha nova vitoria e dedicarlla ao seu capitán, Carlos García, que festexou na pista o seu aniversario.
SD TEUCRO (27): García Lloria; Johnny Medina, García Pichel (8), Borja Méndez (4), Román Pedreira, Dani Hernández (3, de penalti), Edu Moledo (2) -sete inicial-, Javi Santana (p.s.); Óscar Silva (2), Quintas, Iván Fernández (2), Samu Gómez (1), Carlos García (3, 2 de penalti), Sergio Altirriba, Saúl Campo (2) e Iglesias.
BM TORRELAVEGA (25): Luís; Sergio Crespo (6), Maxi (4), Antón, Marcos Dorado (4), José Carlos Hernández (2, 1 de penalti), Nico (1) -sete inicial-, Pablo (p.s.); Carlos, Edu (4), Pepe, Genio, Sergio Rodríguez (4) e Ramiro.
Árbitros: Efrén Muñoz Díaz e Julio Posada González (Madrid). Excluíron dous minutos a Dani Hernández (2), Sergio Altirriba, Johnny Medina (2) e Quintas, polo Teucro, e a Carlos, José Carlos Hernández e Marcos Dorado (2), polo Torrelavega.
Marcador (cada cinco minutos): 3-3, 7-5, 9-8, 10-10, 11-10, 15-12 (descanso), 17-14, 21-17, 23-21, 24-24, 26-25 e 27-25 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). 1.213 espectadores.