O Waterpolo Pontevedra non renuncia ás súas opcións de pelexar pola primeira praza
Por Redacción
A falta de dúas xornadas para o final da liga regular na liga Galega de Primeira División, o Club Waterpolo Pontevedra apura as súas opcións de lograr a primeira praza que daría vantaxe de campo no play-off polo título.
Tras vencer ao RCN Vigo a domicilio, os pontevedreses empatan na cabeza da táboa co CN Coruña con 16 puntos, pero uno por detrás aparece, con 15, o CW Santiago cun partido menos. O cadro compostelán conta con dous partidos aprazados, un deles ante o Pontevedra e outro ante o Coruña que decidirán os tres primeiros postos da liga.
En canto á xornada ligueira disputada en Vigo, o Waterpolo Pontevedra impúxose de maneira contundente (7-24) nun bo partido.
A pesar dos erros cometidos no primeiro cuarto, os de Javi de Sáa xogaron con intensidade e grazas ao bo traballo defensivo (cero goles recibidos nos dous primeiros cuartos) decidiron o partido xa na primeira metade para seguir ampliando paulatinamente a súa renda tras o descanso.