O PP preguntará no Pleno polo atraso no pagamento das subvencións a clubs deportivos
Por Redacción
O Partido Popular denunciou este venres mediante un comunicado o atraso "de máis de sete meses" no pagamento das subvencións concendidas aos clubs deportivos da cidade correspondentes á tempada 2015-2016.
As bases da convocatoria publicáronse o pasado mes de agosto cun orzamento de 300.000 euros destinados a sufragar os gastos das competicións oficiais dos clubs. A ela accederon preto de 60 entidades deportivas "pero a día de hoxe carecen de ningún tipo de información", criticou Tomás Abeigón.
"Actualmente as subvencións de 2016 aínda non se adxudicaron, e o máis precupante é que o servizo de intervención segue sen recibir os expedientes", denuncia o concelleiro popular, que culpa da situación á supresión do Instituto Municipal de Deportes (IMD) e o seu cambio polo Servizo Municipal de Deportes.
Esta circunstancia, defende, "está a provocar un auténtico caos económico nas entidades deportivas".
Por todo iso, o Partido Popular anuncia que formulará unha pregunta no próximo Pleno Municipal esixindo ao goberno local "unha solución urxente, unha explicación aos clubs e unha desculpa", sinalou Abeigón.