Sorpresa do Villalonga en San Lázaro e valiosos empates de Arosa, Céltiga e Ribadumia
Por Redacción
Sorpresa do Villalonga en San Lázaro. Os de Antonio sumaron a súa cuarta vitoria consecutiva á conta de amargarlle a vida a un necesitado Compostela, que buscaba meterse en zona de play-off, conseguindo de forma virtual, aínda que non matemática, asegurar a permanencia en Terceira División.
Os celestes viaxaban a Santiago sen porteiro suplente e a punto estiveron de ter que situar baixo paus a un xogador de campo ao resultar lesionado Iván Parada, pero finalmente o meta logrou continuar, aguantando ata o final e logrando manter a súa portería a cero fronte ao acosos compostelán.
Ata o momento, unicamente Barco e Deportivo B foran capaces de asaltar o fortín de San Lázaro. O Villalonga logrouno facendo un partido moi serio en defensa e facendo valer o golazo conseguido por Pablo Mota, despois de irse de tres contrarios, aos 22 minutos de partido, o que lles sitúa con 49 puntos, en oitava posición e coa tranquilidade de afrontar as cinco xornadas finais cos deberes feitos e o curso superado con sobresaliente.
Consulta aquí o acta do partido Compostela-Villalonga.
O que apuntaba pola mañá a ser un resultado discreto que afastase as posibilidades do Arosa de entrar no play-off de ascenso, converteuse ao termo da xornada nun valioso punto que aperta aínda máis a loita polo cuarto posto. Con Deportivo B, Rápido de Bouzas e Cerceda como case seguros propietarios dos tres primeiros postos, Compostela, Arosa, Racing Villalbés e agora tamén Bergantiños, prometen emocións fortes nas cinco xornadas que restan.
O punto conseguido polos de Jorge Otero no sempre complicado campo da Grela serve para deixar fóra desa loita ao Silva, pero ademais fixérono moito máis valioso para os arlequinados as inesperadas derrotas de Compostela e Villalbés nos seus propios campos, fronte a Villalonga e Barco.
O Silva adiantouse pronto cun gol de Movilla cando tan só levaban oito minutos de xogo. Daquela o Arosa foise a por o partido, aínda que lle custou perforar a portería coruñesa. Conseguiríao Aitor Díaz, a falta de 15 minutos para o final, nun partido no que os dous equipos dispuxeron de ocasións para levar os tres puntos.
Consulta aquí o acta do partido Silva-Arosa.
Conseguiu o Ribadumia frear a súa crise de resultados. Fíxoo a medias, rabuñando un punto, pero con sabor a vitoria por ser obtido fronte ao líder Deportivo B, e facelo no desconto. O empate non serve aos de Sierra para saír da zona de perigo, pero polo menos debe supoñer unha importante inxección de moral para afrontar a emocionante e apretadísima loita pola permanencia.
Tras un primeiro tempo sen goles e moi disputado, o filial herculino adiantábase ao pouco de iniciarse o segundo, cun tanto conseguido pola súa flamante fichaxe, o onubense Manu Molina.
Parecía que a vitoria se iría para A Coruña, pero o Ribadumia non tirou a toalla e atopou premio no tempo de prolongación, cando Fran Fandiño lobraba empatar.
Consulta aquí o acta do partido Ribadumia-Deportivo B.
Repartición de puntos no Salvador Otero entre Céltiga e Barbadás, nun partido cheo de tensión e nervios que sabe mellor ao conxunto ourensán que aos da Illa, necesitados de sumar de tres en tres para escapar da zona quente.
A pesar de todo, o punto conseguido polos branquivermellos hai que dalo por bo, tendo en conta que o Céltiga viuse obrigado a xogar a remolque desde moi pronto, cando Ígor Sevivas adiantaba ao Barbadás (minuto 8).
David Castro conseguiría empatar pouco antes da hora de xogo para dar paso a uns últimos 30 minutos con ocasións e nervios en ambos os conxuntos, reflectidas nas expulsións dun auxiliar do club local e do adestrador visitante.
Consulta aquí o acta do partido Céltiga-Barbadás.
Relacionadas:
-
O Céltiga dá a cara ante o líder Deportivo B pero cede pola mínima (1-0)
Por Redacción |
-
O Villalonga queda en terra de ninguén tras perder ante o Bergantiños (0-1)
Por Redacción |
-
Un só disparo a porta basta ao Racing Villalbés para deixar ao Ribadumia coa auga ao pescozo (0-1)
Por Ramiro Espiño |
-
Valioso triunfo do Arosa ante o Barco para seguir na pelexa polo play-off (1-0)
Por Redacción |
-
Salva a cara o Villalonga nunha xornada negra para Arosa, Ribadumia e Céltiga
Por Redacción |
-
Duro revés para Arosa e Ribadumia, respiran Villalonga, gañando nas Pontes, e Céltiga, que frea ao Cerceda
Por Redacción |
-
Cómodo triunfo do Arosa, golea o Villalonga, gaña o Céltiga unha final en Redondela e cae o Ribadumia
Por Redacción |