Paso importante do Leis para manterse na Segunda B masculina e derrota do equipo feminino que complica o seu futuro
Por Redacción
Era unha final, sabíao o Leis e así tratou o partido ante o San José (3-0), pechacancelas da competición e rival directo pola permanencia na Segunda División B masculina de fútbol sala.
Os xogadores pontevedreses saltaron á pista do Municipal conscientes do que había en xogo e aos 10 segundos xa atoparon premio co 1-0, obra de Borja.
Foi unha saída en tromba a dos homes adestrados por Manu Cossío, que aos 3 minutos facían o segundo tanto, de Miguel. Parecía que o partido podía ser de pouco sufrimento para o Leis, pero o San José recompúxose entón e empezou a chegar con perigo nalgunha contra. Os locais baixaron o ritmo pero controlaron ben o xogo con marcador a favor para chegar sen máis cambios ao descanso.
O San José mellorou na segunda metade e subindo a súa liña de presión empezou a incomodar seriamente ao Leis. Foi así ata que no minuto 31 Morales vía a segunda amarela coa consecuente expulsión e superioridade numérica dos pontevedreses. Aínda que nese tempo non lograron bater a meta rival, xusto cando se retomaba a igualdade numérica Berto conseguín o 3-0 que daba tranquilidade.
Tentárono os visitantes co porteiro-xogador, pero o Leis defendeuse con criterio para aguantar unha vitoria que lles sitúa con 17 puntos na duodécima posición, dependendiendo de si mesmos para lograr a salvación.
DERROTA DO LEIS FEMININO E VITORIA DO CIDADE DE PONTEVEDRA
Peor lle foron as cousas ao Leis na Segunda Feminina, ao perder nos últimos minutos ante o Unami (2-5) e caer así á última posición do seu grupo con 17 puntos.
As pontevedresas plantaron cara ao terceiro clasificado e chegaron a igualar o marcador ata en dúas ocasións, a última a só tres minutos do final, pero na seguinte xogada as visitantes volveron anotar e terminaron decidindo con dous goles máis para desesperación local.
O que si venceu despois de moitas xornadas foi o Cidade de Pontevedra no Grupo I da Segunda División, ao gañar na casa ao Calceatense (3-0), rival directo pola permanencia. O Triunfo permítelles escapar do faroliño vermello e situarse na undécima posición do seu grupo con 14 puntos.