A Somozas a dar o golpe (case) definitivo para entrar no play-off
Por Diego Espiño
Xornada clave para o Pontevedra. Os granates, coñecedores da derrota do Valladolid B, o seu principal perseguidor na táboa, teñen a opción de deixar case sentenciada a súa presenza no play-off de ascenso.
Será así se gañan este domingo (16:30 horas, TVG2) a domicilio ao pechacancelas da categoría, o Somozas, o que lles faría distanciarse a oito puntos dos seus perseguidores con só catro partidos máis por diante.
En todo caso non se fían Luisito e os seus da condición de último e equipo xa descendido do Somozas, que a pesar de encadear cinco derrotas consecutivas e nove xornadas sen gañar, non cae no seu estadio por máis dun gol desde que o fixese ante a Leonesa na xornada 23.
Por iso, e coa memoria do acontecido hai escasas tempadas cando o Pontevedra afrontaba a última xornada en Dorneda para ser campión de Terceira ante un descendido e fallou, os granates afrontan a cita coa máxima precaución.
Un exemplo da importancia que o corpo técnico dá ao choque é a convocatoria para o mesmo de todo o plantel, polo que Luisito realizará tres descartes no propio estadio.
A dúbida céntrase no estado físico de Mario Barco, con molestias musculares nas últimas xornadas pero que en principio non lle impedirán xogar ante o seu ex-equipo.
Pola súa banda Stili non poderá aliñar no Somozas ao centrocampista Roberto Baleato por sanción.
O colexiado do encontro será o madrileño Pedro Eugenio Muñoz Piedra, que xa arbitrou esta tempada aos granates nunha ocasión, no seu triunfo en Pasarón ante a Ponferradina.