O Peixe Galego vende cara a súa derrota pero cae ante o Prat (76-84) e consuma o seu descenso
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Cunha ovación despediu a afección da Raña aos seus xogadores tras o esforzo dunha tempada ilusionante pero que terminou no descenso de categoría. O Peixe Galego consumou este domingo a perda matemática de categoría despois de caer na casa ante o CB Prat (76-84).
Necesitaba unha carambola o cadro marinense para lograr o soño da permanencia na Liga LEB Ouro, pero a primeira das premisas non se cumpriu, non podía fallar máis e fíxoo ante o cadro catalán.
Perdeu pero vendendo cara a súa derrota, pelexando ata case o último minuto dun partido no que foi a remolque desde o segundo cuarto. A pesar diso contou con opcións de gañar, pero faltou culminar a remontada.
Os de Javi Llorente arrincaron con forza o choque, e mediado o primeiro parcial tras unha antideportiva sobre un roubo de Cain e unha canastra posterior de Múgica lograban seis puntos de vantaxe (16-10). Reaccionou o Prat, pero non o suficiente para desarmar a defensa local chegando por detrás ao final dos primeiros 10 minutos (24-20).
Con todo o partido cambiou no segundo parcial. O Peixe empezou a acusar a falta de acerto no tiro exterior (chegou a fallar cinco triplas consecutivas) e os cataláns aproveitaron a ocasión para empezar a dominar. Chegaron a poñer unha vantaxe de 7 puntos, pero unha tripla de Oubiña sobre a bucina reflectía a resistencia marinense (38-42) ao descanso.
Tras o intermedio houbo momentos delicados para o Peixe Galego (50-58), pero a base de fe conseguían engancharse de novo ao partido. Así pasou con dúas novas triplas de Miso (57-63) e outra de Bauzá ao comezo do último cuarto (60-63).
O CB Prat respondía en cada ocasión cun par de boas accións. Así a historia repetiuse a falta de menos de 4 minutos. Múgica daba esperanzas aos de Marín (69-71), pero a resposta foi un 3+1 de Forcada que pesou como unha laxa. Seguiu pelexando o cadro local aínda que os minutos pasaban e pesaban no ánimo.
Foi así ata o fatal desenlace, que non embaza a que foi unha tempada histórica para o club e para Marín. Así o entendeu a afección ao despedir con honras aos seus.
Relacionadas:
-
A Federación exclúe ao Peixe Galego da LEB Prata
Por Redacción |
-
Despedida coa cabeza alta do Peixe Galego fronte ao campión Gipuzkoa Basket (90-98)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego tira de orgullo para vencer ao Tau Castelló (86-93)
Por Redacción |
-
Peixe Galego queda sen marxe de erro ao perder en Oviedo (89-55)
Por Redacción |