Chegan as voltas por etapas, o terreo preferido do Froiz
Por Redacción
Non saíron as cousas como esperaba o Grupo Deportivo Supermercados Froiz na Copa de España Elite e Sub-23, onde a falta dunha carreira para que conclúa a competición só nunha proba, o Trofeo Guerrita, rozaron o triunfo cun segundo posto de Martín Lestido.
Tampouco a pasada fin de semana na Clásica Xavi Tondo, en Cataluña, foi o día do equipo pontevedrés, sendo Martín Bouzas o mellor clasificado na liña de meta no posto 21, a 2:27 do vencedor, e manténdose Lestido como o ciclista que se atopa máis arriba na xeral, no posto 24.
Pero non todo son malas noticias para o Froiz, xa que tras pasar a primeira parte da tempada chega o seu terreo preferido, as roldas por etapas que tan ben se adaptan ás características dos seus corredores, empezando este mesmo mércores 10 de maio coa Volta ao Bidasoa no País Vasco.
Serán catro xornadas de competición cun perfil 'rompepernas' e importante presenza de portos montañosos, un terreo no que se probará por primeira vez co equipo o colombiano Hadvin Santy Guzmán, recentemente incorporado e que medirá o seu nivel nunha escuadra na que tamén estará Alejandro Regueiro tras o seu bo papel na Volta a Madrid coa Selección Española, carreira na que tivo presenza en varias escapadas e mostrouse moi activo.
Completan o plantel do Froiz para a Volta ao Bidasoa: Aaron Mariño, Martín Bouzas, Germán Rincón, Miguel Ángel Alcaide e Antonio Portela.