Bergantiños e Pontevedra obrigados a gañar nunha especie de final para ambos os dous
Por Ramiro Espiño
Luis Aragonés pronunciou un día unha frase que xa queda para a historia futbolística como reflexo do que ten que facer un equipo en situacións extremas: "Hai que gañar e gañar e gañar e volver gañar e gañar... ". O "sabio" de Hortaleza conseguiu o seu obxectivo que non era outro que motivar aos seus homes e mentalizalos de que para alcanzar a meta non quedaba outro camiño que a vitoria. Pois ese precisamente, salvando as distancias, é o reto de Milo Abelleira e o Pontevedra. Nada que non sexan os tres puntos serve de aquí en diante, se se quere escalar posicións e desbancar a Compostela ou Deportivo B dunha das prazas aínda sen dono claro que dan dereito a xogar o play-off de ascenso.
E o primeiro escollo nesta recta final non é precisamente para confiarse. O rival correspondente, o Bergantiños, ten exactamente as mesmas urxencias que os granates, aínda que por razóns diametralmente opostas. O conxunto de Carballo, penúltimo na clasificación, pode dicir practicamente adios ás súas remotas opcións de permanencia se non consegue vencer. Así pois o partido, que se xogará no campo de As Eiroas o domingo (17:00 horas), con arbitraxe do colexiado lucense Saúl López Parga, ten o carácter de case unha final para ambos os dous equipos.
O equipo que adestra Javi Lavandeira xa dera un desgusto á parroquia granate ao empatar na primeira volta en Pasarón, pero ese punto que entón fora importante para eles, agora non lles serviría de moito, polo que é de esperar un rival máis ambicioso e agresivo, nun campo sintético de primeira xeración e moi desgastado, no que non caben moitas florituras, e si intensidade en cada disputa de balón.
Con seis baixas, o Pontevedra está obrigado a tirar da canteira, convocando a Tomás, Emilio e Buba
Tras o adestramento realizado na mañá do sábado, en Pasarón, confírmanse as baixas xa coñecidas nos granates de Fran Fandiño, Caco, Santi Domínguez, Richi e Sestelo, por lesión, ademais de Iago Paz, por sanción. Na parte contraria da balanza está a volta de Tubo, tras cumprir sanción federativa. Para completar a lista, Milo terá que tirar da canteira, dando entrada a Tomás, Emilio e Buba.
A ausencia dos seus dous dianteiros habituais, Richi e Santi Domínguez, obriga a Milo a cambios nas posicións dianteiras, nas que Javi Pazos, que atravesa un excelente momento, como demostrou o mércores en partido da Copa Deputación, se perfila como acompañante de Stefan, o que se antolla boa solución, dadas as características de ambos os dous de loita e intensidade nas súas accións, para premer á zaga local.
Así pois, o posible equipo titular que salte fronte ao Bergantiños sería o formado por Lloves; Cristóbal Juncal, Yago Vázquez, Pablo, Adrián; Tubo, Moisés, Jacobo, David Pérez; Javi Pazos e Stefan, completando a lista de convocados Lorenzo, Nano, Emilio, Tomás e Buba. Fóra da convocatoria queda Pacheco, o que Milo xustificou pola necesidade de contar con algún dianteiro de reposto. Non obstante, a exclusión de Pacheco estará condicionada ao estado en que regresen Tomás e Buba, que viaxaron co equipo xuvenil a Gijón.