Moaña, debut para o Marcón no seu regreso a Preferente; Mondariz, primeiro rival no Carrasco
Por Alejandro Espiño
Do mesmo xeito que ocorreu coa Terceira División, a asemblea da Federación Galega de Fútbol celebrada onte á noite en Santiago deu a coñecer o calendario de competición da Rexional Preferente que, no seu grupo sur, acollerá este ano de novo ao Marcón Atlético tras o seu ascenso. Os pontevedreses debutarán o 27 de agosto no campo do Moaña.
O primeiro partido no Carrasco para os homes de Borja Burgos, o novo adestrador do equipo, será na segunda xornada (3 de setembro) ante o Mondariz.
Xunto co Marcón, outros catro equipos do ámbito de influencia de Pontevedra estarán neste grupo sur da Preferente galega. Trátase do Sanxenxo e o Unión O Grove, que repiten categoría, e do Campomeiro e o Beluso que, igual que os pontevedreses, lograron o ascenso na pasada campaña.
O Sanxenxo será o único de todos eles que debutará en casa. Farao fronte ao Porriño Industrial. Erizana, Gondomar e Nogueira de Ramuín serán os primeiros rivais de Beluso, Campolameiro e Unión O Grove.
O primeiro derbi será xa na segunda xornada, na que o Beluso recibirá ao Sanxenxo. Campolameiro e O Grove xogarán o primeiro partido como locais ante Moaña e Gondomar, respectivamente.
Na cuarta xornada (17 de setembro), o Marcón recibirá ao Sanxenxo no Carrasco e estes últimos protagonizarán dous novos derbi as dúas semanas seguintes, recibindo ao Campolameiro en Baltar (24 de setembro) e visitando ao Unión O Grove no Monte da Vila (1 de outubro).
O Beluso visitará Marcón o 29 de outubro (xornada 10), xusto tres días antes antes de recibir o Campolameiro (1 de novembro). O último derbi da primeira volta será tamén no Carrasco, onde trasladarase o Campolameiro o 12 de novembro (xornada 13).
Marcón - Gondomar, Beluso - Mondariz, Caselas - Sanxenxo e Campolameiro - Nogueira de Ramuín pecharán a primeira volta o 7 de xaneiro de 2018, os mesmos choques cos que concluirá a liga, aínda que en campo inverso, o 27 de maio.
O calendario completo da Rexional Preferente grupo sur pódese consultar nesta ligazón.