Xa roda o balón na Seca: Arranca a pretemporada para o Poio Pescamar
Por Redacción & Cristina Saiz
Apenas dous meses despois de poñer fin á tempada, coa organización da Copa de España, o Poio Pescamar volve retomar a súa actividade. Este luns iniciou oficialmente para as pontevedresas a pretemporada, cunha suave sesión que se celebrou no pavillón da Seca, en Poio.
Alí estaban citadas todas as xogadoras que continúan con respecto á tempada anterior e as, polo de agora, dúas únicas fichaxes do equipo para esta tempada.
Trátase de Iria Saeta, a máxima goleadora en Primeira División nas dúas últimas tempadas e que chega a Poio procedente do Cidade de As Burgas; e da pivote Vanessa Bugallo, que militou a pasada tempada no Moaña de Segunda División.
Ambas se sumarán a un plantel que, con xogadoras da talla de Silvia Aguete, Ceci, Ale de Paz, Charo ou Jenny Lores, tratará de aspirar a grandes logros, tras asinar este ano a mellor tempada da súa historia, quedando sextas na liga e campioas da Copa Xunta.
Toda a preparación deste mes estará encamiñada a chegar nas mellores condicións posibles ao debut ligueiro, que terá lugar o 16 de setembro na Seca fronte ao conxunto madrileño do Futsi Atlético Féminas, o vixente campión de liga.
Relacionadas:
-
O Poio Pescamar, preparado para o seu esixente debut ligueiro
Por Diego Espiño |
-
O Futsi Atlético Féminas, primeiro rival dun Poio Pescamar que retoma o luns os adestramentos
Por Redacción |
-
Poio Pescamar apunta alto e logra a fichaxe da máxima goleadora de primeira división, Iria Saeta
Por Redacción |