Alexis Viéitez repite triunfo na Subida a Ponte Caldelas
Por Redacción & Diego Torrado
A Subida a Ponte Caldelas só coñece un gañador na súa curta vida. Ese é Alexis Viéitez (Buxa Motor Poio) que repetiu na segunda edición da proba o triunfo de hai un ano e fíxoo con autoridade.
A vitoria de Viéitez fraguouse nas dúas mangas de competición do sábado, nas que logrou unha importante vantaxe. Tamén na xornada dominical dominou a terceira pasada ao tramo cronometrado e só na última rolda non logrou o mellor tempo de entre o medio cento de participantes inscritos.
Ao final Alexis Viéitez superou en 4,5 segundos ao segundo clasificado, Pablo Rey (T.Martínez Racing), mentres José Lorenzo (Desguaces Tino Racing) subiu o terceiro chanzo do podio ao superar nunha apertada pugna a Jesús Pombo.
Pola súa banda Víctor Magariños (Porsche) foi o primeiro dos vehículos carrozados, superando por só un segundo a Manuel Senra (Peugeot 306 Maxi).
O espectáculo da II Subida a Ponte Caldelas congregou numeroso público durante as dúas xornadas da carreira no trazado de 3,9 quilómetros situado na estrada PO-234 en Laxoso.