Empates con distinto sabor para Villalonga, Arosa e Ribadumia e derrota do Céltiga en Redondela
Por Redacción
Empates con distinto sabor para Villalonga, Ribadumia e Arosa. Mentres os dous primeiros salvaron un punto fronte a rivais chamados a loitar polos postos altos, os de Jorge Otero seguen sen coñecer a vitoria e neste caso viron como en Arenteiro arrebatáballa na prolongación. Pola súa banda o Céltiga segue sen responder os reforzos que realizou caendo en Redondela fronte ao Choco.
Visitaba San Pedro un Alondras dirixido polo adestrador que levou ao Villalonga a realizar unha sensacional tempada o pasado ano. Antonio foi recibido como corresponde pola que foi a súa afección, pero logo tivo que conformarse cun punto, tras un partido disputado.
Aarón segue co seu gran arranque de tempada adiantando aos celestes aos 50 minutos, pero dez máis tarde empatarían os de Cangas por medio de Álex Rey, co que ambos os equipos seguen sen coñecer a derrota nos postos altos da táboa.
Consulta o acta do partido Villalonga-Alondras nesta ligazón.
Os minutos de desconto privaron ao Arosa de conseguir a primeira vitoria do curso no Carballiño. O Arenteiro viuse moi pronto por detrás no marcador ao marcar Sylla aos 19 minutos, dando paso a unha primeira parte con mando dos de Jorge Otero.
Pero a medida que pasaban os minutos o equipo local foi pechando aos arlequinados ata que no longo desconto decretado polo colexiado (minuto 96) chegaba o gol de Ígor Sevivas para os ourensáns, que igualaba a contenda, deixando a ambos os equipos na zona baixa e co terceiro empate consecutivo do cadro arosista.
Consulta o acta do partido Arenteiro-Arosa nesta ligazón.
Non recibía no seu mellor momento o Choco a visita do Céltiga, pero os da Illa, despois de comezar a liga cunha ilusionante vitoria, seguen dando máis desgustos que alegrías aos seus seguidores e encadean a súa terceira derrota consecutiva.
Os redondelanos resolveron o partido ao fío da media hora da primeira parte, con dous goles en catro minutos. Primeiro acertou Chiqui, para que Albertito fixese o segundo e deixase a un decepcionante Céltiga sen capacidade de reacción.
Consulta o acta do partido Choco-Céltiga nesta ligazón.
Non se moveu o marcador na Senra, onde o Ribadumia freou a un Somozas que chegaba coa bitola de favorito. Os aurinegros seguen sen arrincar do todo, pero aos poucos vanse achegando a ser ese equipo incómodo para calquera rival ao que quizais o único que lle falta sexa algo máis de pólvora arriba.
O Somozas deixou boa impresión, pero tampouco estivo acertado na área rival, perdendo a ocasión de alcanzar aos líderes da categoría.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Somozas nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Triste empate entre Arosa e Ribadumia mentres Céltiga e Villalonga sacan proveito do mal momento de Laracha e Negreira
Por Redacción |
-
O Ribadumia gaña o derbi da necesidade ao Céltiga mentres caen Villalonga e Arosa
Por Redacción |
-
Primeiro triunfo do Arosa, gaña tamén o Villalonga e caen goleados Céltiga e Ribadumia
Por Redacción |
-
Non arranca o Arosa que empata co Villalonga, derrota do Céltiga e empate a domicilio do Ribadumia
Por Redacción |
-
Goleada do Villalonga ao Céltiga e derrotas de Ribadumia nun partido tolo e Arosa
Por Ramiro Espiño |
-
Sorte dispar para Céltiga, Villalonga e Ribadumia
Por Redacción |
-
O Arosa paga a súa falta de puntería e regala o empate ao final a un Ourense con dez (2-2)
Por Redacción |